Os polígonos agroforestais teñen por obxecto pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.
No relativo ao polígono de Xesto, cómpre remarcar que a zona delimitada atópase na área de actuación de varias indicacións xeográficas protexidas -como a IXP Castaña de Galicia- e existe unha gran demanda de terreos para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vencelladas á gandaría en extensivo.
Actualmente hai 30 polígonos agroforestais en marcha (en diferentes fases de execución) na nosa comunidade, que supoñen a posta en valor de 9.323 hectáreas distribuídas en 30.357 parcelas propiedade de 8.568 veciños.