Pablo Álvarez, que actualmente reside en Zaragoza por motivos laborais, estivo toda a súa infancia vinculado á Banda de Música de Sober e mantén numerosas amizades nesta vila das Terras de Lemos.
Segundo informan dende fontes do Concello de Sober, o mozo está destinado no centro de comunicacións de Jaca, e por esa experiencia en terreos fríos e montañosos, foi seleccionado para formar parte da XXXVII Campaña Antártica do Exército de Terra como encargado das comunicacións da Base Antártica Española ‘Gabriel de Castilla’.
A MISIÓN NA QUE PARTICIPA
A misión do equipo que viaxou á Illa Decepción en decembro, a 13.000 quilómetros de España, é dar apoio loxístico aos científicos que levan a cabo proxectos de investigación na Antártida. En concreto, encárganse do mantemento da base, alimentación, acompáñanos nos seus desprazamentos para darlles seguridade e, no seu caso, ocúpase de prover servizos de Internet e teléfono, indispensables hoxe en día.
A misión partiu de España o 22 de decembro, pasou a Noiteboa en Ushuaia (Arxentina), que é a cidade na que colleron o buque Hespérides para partir cara a Illa Decepción, e chegou á base o 31 de decembro. A data de volta está programada para o 6 de abril deste ano, co cal serán máis de 100 días os que a expedición pase fóra da casa.
Álvarez Balsa recoñece que a preparación previa foi intensa: “posto que estamos sos e temos que saber facer un pouco de todo. Comezamos en abril cunha fase de movemento en montaña en Panticosa, na miña área aprendemos a usar as radios, os satélites e todos os aparellos que traemos. Tamén fixemos unha fase de navegación no Grove, onde aprendemos a manexar as embarcacións que usamos na illa para movernos”.
Trátase da súa segunda misión militar, a primeira foi en 2019 no Líbano como encargado da seguridade da información. O Goberno local do Concello de Sober deséxalle moita sorte nesta misión, da que asegura o alcalde, Luis Fernández Guitián, “estaremos moi pendentes”.
APADRIÑAR PINGÜÍNS
O vindeiro 1 de marzo Pablo Álvarez fará unha videoconferencia co alumnado do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober para informarlles sobre a campaña antártica de apadriñamento de pingüíns. Trátase dunha iniciativa totalmente gratuíta que permite adoptar aos animais de Isla Decepción para facer da terra un lugar máis limpo, coidado e saudable coa natureza.
O pingüín que se apadriñe conseguirá sobrevivir e converterse nun pingüín adulto, capaz de procrear e coidar dos seus descendentes futuros.