II edición do Festival Polas Bravas, en Chantada

Está organizado pola Asociación feminista de Chantada ‘Polamiúda’ e terá lugar os días 24 e 25 de maio en diferentes localizacións do concello. "Trátase dun evento gratuíto de proxección de arte e creación multidisciplinar que ofrece á veciñanza da vila e da contorna propostas culturais vangardistas feitas por mulleres bravas galegas".

0
148
Eme DJ. Foto da súa web.

A programación de Polas Bravas abrangue unha chea de actividades: dende a música de Caamaño & Ameixeiras ata o circo de Pistacatro, pasando polo teatro da compañía Chévere, entre moitas outras propostas que encherán de feminismo e cultura o Concello de Chantada.

O festival será os días 24 e 25 de maio e conta coa colaboración do concello de Chantada, a Deputación de Lugo e o tecido empresarial e o pequeno comercio local. 

PROGRAMACIÓN

O programa do festival dará comezo na noite do venres 24, ás 22.00 na terraza do establecemento AdaRosa, coa actuación de As Blas Femias, un grupo de música local composto polas voces das ‘polamiúdas’ Carmen, María e Elena, con André e Marcos á guitarra, teclado e percusión.

A continuación, ás 23.00 horas, o público poderá deleitarse nese mesmo espazo cun monólogo cómico de Diana Sieira, que leva enriba das táboas dende 2005 e que a Chantada trae ‘Conexións Có(s)micas’, un espectáculo que dende o absurdo e o inesperado fía premisas que non se conectarían en ningún outro cerebro. Diana foi finalista en 2013 do concurso de monólogos La Tuerka e forma parte do dúo ‘Niñas de la Risa’ xunto con Ángela Triana.

Para rematar esta primeira xornada, a DJ pontevedresa Beti de la Church encargarase de picar crecións musicais de mulleres a partir das 00.00 horas.

SÁBADO 25

Esta xornada arrincará con circo ao aire libre, no parque Eloísa Rivadulla (Parque dos Pendellos), ás 12.30 h.  coa obra ‘A vida tola de Pajarito’. Pajarito é unha das paiasas con máis traxectoria e máis recoñecidas do Estado que chega da man de Pistacatro, a compañia de circo máis relevante das artes vivas de Galicia. Ás 13:30 h. actuará o Coro de veciñas bravas, sen dúbida unha das propostas máis emocionantes da xornada que estará dirixida por María Montenegro.

A música de Bratzantifa, o dúo composto por Lucía e Marina que ten gañado un sitio de honra no Polas Bravas logo da magnífica e vibrante actuación na primeira edición, amenizará a sesión vermú (con bar e posto de comidas) a partir das 14.00 horas; e xa ás 15.00 será a quenda de Andrea Nunes & Gael cunha sesión de poesía e música. Andrea Nunes é unha activista transfeminista pola diversidade sexual e corporal autora de poemarios Corrente de esquecemento ou Esta disidencia que habitamos, que nesta ocasión vén acompañada da música de Gael, mamífero bípede de sexo-xénero indefinido (trans), orixinario do sur da Península Ibérica.

A música de Marián, artista emerxente que deu o salto como profesora de canto á composición e que traerá nunha proposta acústica especial para o Festival , será a que amenice as primeiras horas da tarde, a partir das 16.00 horas. Un pouco máis tarde, ás 18.00 horas, e xa no Auditorio Municipal a compañía Chévere levará a escena ‘As fillas bravas e o mito de Cassandra’. A función, nun compromiso claro de Chévere e do Polas Bravas pola cultura inclusiva, contará con interpretación en Lingua de Signos. E como servio complementario para favorecer a conciliación, a organización ofrece un servizo de animación e coidados para crianzas durante a representación no propio Auditorio.

De volta ao Parque Eloísa Rivadulla (Os Pendellos), será a música a protagonista. A partir das 20.00 horas o público deleitarase con Bandidas, un ensemble de vento madeira que xorde expresamente para o Polas Bravas do interese e o amor pola música das mulleres da Banda de Música de Chantada; pretende ser un proxecto vertebrador e visibilizador do papel das mulleres na música, que lles foi vetado durante séculos e ata hai tempos ben recentes.

A cantante hiphopeira parte do colectivo Yimi You Rek, Nadie González, será quen ás 20.45 horas faga vibrar ao público coas súas letras reivindicativas como aperitivo para a actuación do dúo Caamaño & Ameixeiras, que fixeron un oco na súa axitada xira para actuar en Chantada ás 21.45 horas. Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) forman este un dúo galego ligado á música e ao baile de raíz que van colleitando títulos dende que comezaron a súa carreira.

SESIÓN DE NOITE E FIN DE FESTA

A partir das 23:15 h. actuarán O Rabelo e Nenaza, cunha proposta que non deixará a ninguén indiferente. O Rabelo mestura a música tradicional galega con xéneros coma o reguetón ou o tekno para convidar a xente a bailar, explorando a marxinalidade e o normativo a través das artes escénicas. Acompáñaa Nenaza, unha artista drag galega que reivindica a feminidade a través do imaxinario da mitoloxía galega.

O ramo poñerao a partir das 00.30 horas a galega Eme DJ, unha das Dj máis recoñecidas no Estado e mesmo a nivel internacional, que traballou a carón de referentes do panorama musical internacional (Guetta, Arcade Fire, Zahara…) e transitou o mundo da creación e da produción para traspasalo ata a divulgación, a escrita e o ensino.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here