HomesociedadeHomenaxe ao guerrilleiro monfortino, Ramón Yáñez Pereira, o 14 de xullo en...

Homenaxe ao guerrilleiro monfortino, Ramón Yáñez Pereira, o 14 de xullo en Celanova, mentres segue a busca de familiares

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, en colaboración co Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia, está á procura de familiares de Ramón Yáñez Pereira en Monforte e nas Terras de Lemos para convidalos a achegar máis información sobre el e, convidalos a participar nos actos de homenaxe ás vítimas que terán lugar en Celanova, o 14 deste mes.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia homenaxearán ao guerrilleiro monfortino, Ramón Yáñez Pereira, sinalando o lugar onde foi asasinado en 1943 polas forzas franquistas de represión: a Caseta de Ansemil, no termo municipal de Celanova.

A cita será o domingo, 14 de xullo, ás 11:45h. contando tamén cunha conferencia do historiador, Carlos Morais na Casa do Concello de Celanova, na que repasará a figura de Yáñez, emigrante en Barcelona antes da guerra, cadro comunista na clandestinidade e, finalmente, incorporado á guerrilla na zona do Laboreiro a principios dos anos corenta. Foi delatado en Celanova por un vello coñecido a quen lle veu pedir axuda para fuxir cara ao exilio, mais foi denunciado, emboscado e asasinado o 13 de xullo de 1943.

Ramón Yáñez Pereira

O guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira naceu en Monforte en 1902. Era fillo de María Pereira, e o seu pai, Manuel Yáñez era axente comercial. Cando a guerra, traballaba en Barcelona como policía da Generalitat. En decembro do 38 pasou para Francia. Despois volveu para Ourense, e estivo traballando en Ribadavia até xullo de 1940, cando decide buscar refuxio en Castro Laboreiro incorporándose á guerrilla e adoptando o nome de “Enrique”, tamén foi coñecido como “O Médico”.

Na primavera de 1943, durante un choque coa Guarda Fiscal morreu un axente e a represión intensificouse. Pasou a Quintela de Leirado, manténdose agochado un tempo até que decidiu ir a Celanova para solicitar axuda dun vello coñecido de Monforte. Ramón Castro prosperara na vila após de casar coa viúva de Lino Velo e facerse cargo do comercio da familia.

O Yáñez parou na taberna da Caseta de Ansemil, moi preto da vila. E a través do Dionisio, o dono da taberna, fixo chegar unha carta a Ramón Castro na que lle pide 3.000 pesetas. Era a mañá do 13 de xullo de 1943. Mais o comerciante alertou ás forzas policiais, que prepararon unha emboscada entre a Garda Civil de Celanova e policías chegados de Ourense. O operativo policial estaba formado por once axentes.

Na carta de resposta ían as 3.000 pesetas e unha advertencia de que ía ser detido. O Yáñez, alertado, detectou a presenza policial e decidiu intentar a fuga. Mais caeu morto abatido na parte traseira da caseta ás 21,30 horas do 13 de xullo de 1943. Na acta do levantamento do cadáver faise constar que se trata dun home de “gran estatura” e “duns corenta anos”, vestido cunha chaqueta e pantalón de pano negro e botas curtas de piso de goma.

Na autopsia, revélanse “varios orificios situados na cara, cabeza, peito, abdome e parte superior dos membros inferiores, con abundante hemorraxia por algúns deles”. Ramón Yáñez Pereira foi soterrado no cemiterio de Celanova. Segundo figura nas dilixencias da causa, foi sepultado nunha fosa aberta a un metro de distancia do panteón onde repousan os restos de dona María Manuela Faustina Fernández, “adosado al ángulo Sur-Este del Depósito de dicho cementerio en posición Norte-Sur, y a diez y nueve metros aproximadamente de distancia del muro de cierre del cementerio por el aire Este y a unos diez y ocho metros de la parde de cierre del propio cementerio, por el aire Oeste” (páxina 31 da Causa 335/43 no Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol).  

Localizando aos familiares de Ramón yáñez pereira

Segundo a documentación que recuperou Morais no caderno “Barbárie e Resistência Antifascista Em Lobeira”, Yáñez Pereira foi soterrado no cemiterio de San Breixo en Celanova, e polo tanto o seu nome figura no memorial ás 88 vítimas da barbarie fascista que alí recibiron sepultura e que se instalará proximamente ao abeiro do Plan Estatal de Exhumacións coordinado pola Grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, con financiamento público, unha vez que se obteñan os permisos da Xunta de Galiza e do Bispado de Ourense, en trámite.

Desde as asociacións memorialistas lévase desenvolvido este ano unha campaña de busca de familiares de Ramón Yáñez Pereira a través das redes sociais e publicacións en prensa, e solicítase a colaboración da veciñanza con calquera dato sobre a familia que se pode achegar a través do mail memoria.celanova@gmail.com

Durante o acto de homenaxe do día 14 estarán a disposición do público un lote de 30 carteis sobre o suceso da Caseta de Ansemil realizados polo artista celanovés, Baldomero Moreiras, que adicará os exemplares, cunha axuda de 3 euros por exemplar, para financiamento do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

ÚLTIMAS

O concello de Monforte requerirá a Aqualia para dar solucións integrais aos problemas de Escultor Francisco Moure e Reboredo

O contrato do concello de Monforte con Aqualia naceu no 2001, "xa dende o...

Unha nova xornada do ‘Marida Maio’ no Centro do Viño da Ribeira Sacra

Este xoves, 22 de maio, terá lugar ás 19:30 h. a segunda xornada da...

Prazo de inscrición aberto ata o 10 de xuño para participar na XXV edición de Artelemos

Como o ano pasado a cita coa mostra de artesanía durará 6 días, nesta...

25.000€ da Deputación para promoción turística da Ribeira Sacra

O mandatario provincial, José Tomé, puxo en valor o labor do Consorcio de Turismo...