HomesociedadeUnanimidade na Deputación para reclamar á Xunta que axilice o desdobramento...

Unanimidade na Deputación para reclamar á Xunta que axilice o desdobramento do corredor entre Lugo e Monforte

O Pleno tamén sacou adiante por unanimidade unha proposta de Goberno para apoiar á veciñanza da provincia afectada polo proxecto de execución da liña de alta tensión nos concellos de Becerreá, Baralla, Láncara, Sarria, Paradela, O Saviñao e Chantada, que dará servizo a cinco futuros parques eólicos. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor dos socialistas, do BNG e do PP.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Deputación de Lugo reclamará novamente á Xunta de Galicia que axilice o proceso de contratación que permita avanzar nas obras para desdobrar o corredor entre Lugo e Monforte de Lemos. Así se acordou no Pleno ordinario do mes de xuño celebrado este martes no Pazo de San Marcos. A moción, presentada polos socialistas, foi aprobada por unanimidade cos votos a favor do PSdeG, do BNG e do PP.

Antes de comezar coa sesión provincial, o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que con esta iniciativa os socialistas pretenden “que o PP, a Xunta de Galicia, cumpra co compromiso que ten adquirido. Hai que recordar que no Parlamento de Galicia hai unha votación unánime dese desdobramento desde Nadela ata Monforte. Certo é que as prioridades son de Sarria ata Lugo, pero hai que ir desenvolvendo xa proxectos e os estudos pertinentes para continuala ata Monforte, para que comunique Lugo coa A-76”.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, lembrou pola súa parte que, como xa defenderan no Pleno do mes de marzo, “estamos ante unha oportunidade histórica de vertebrar a provincia, porque estamos falando de conectar o centro co sur do noso territorio. A Ribeira Sacra é unha comarca moi poboada e moi atractiva turisticamente, o que fai que sexan precisas unhas boas comunicacións que agora non temos”, argumentou o Deputado. E fixo referencia a que hai tres meses a sesión provincial acordou urxir á Xunta a redacción dun proxecto global para executar o desdobramento dos quilómetros que faltan para completar o corredor, un total de 54.

Valorou Rivera Capón que esta é unha infraestrutura con moito tráfico e que a conversión da totalidade do trazado en autovía responde a unha demanda social, referendada por varios acordos tamén unánimes no Parlamento de Galicia, pero “que vén atopando atrancos e atrasos cos que a Xunta de Galicia está desenvolvendo este proxecto”.

Liña de alta tensión

O vicepresidente da Deputación e deputado do BNG, Efrén Castro, denunciou que “o trazado responde á conveniencia e ao interese económico da empresa pero vai contra o máis mínimo sentido común” xa que, explicou, nalgúns puntos, a liña pasaría pegada a núcleos de poboación e incluso a casas, con consecuencias negativas sobre a calidade de vida e a saúde das persoas, os recursos hídricos, a biodiversidade e o patrimonio, pero tamén sobre o valor das propiedades que atravesa o trazado.

Con todo, a Deputación reclamará da Xunta de Galicia que vele polo estrito cumprimento da normativa, que se estuden as posibles alternativas do trazado desta liña eléctrica buscando minimizar os impactos sociais e económicos -incluíndo a posibilidade de soterrala en zonas críticas- ou o seu desvío por áreas menos sensibles, que se contraste o estudo de impacto ambiental, que se leve a cabo unha labor de mediación coas partes implicadas, e que se lexisle a favor de mecanismos de participación social neste tipo de procedementos.

O BNG mantivo encontros coa veciñanza afectada, ofrecendo información e asesoramento para presentar alegacións ao proxecto, que está pendente de autorizacións administrativas e de aprobación do estudo de impacto ambiental por parte da Xunta.

ÚLTIMAS

O BNG volverá reclamar no Parlamento que se axilicen as obras da LU-651 e se garanta a seguridade no transporte escolar do Courel

O deputado da comarca visitou esta semana o CEIP Poeta Uxío Novoneyra para falar...

O PP lucense leva ao Senado que se impulse a segunda fase da urbanización do Polígono do Morelle en Sarria

Segundo detallou o PP de Lugo nun comunicado, os senadores preguntarán "cales son os...

O Courel protesta camiñando por un transporte seguro

A primeira hora deste venres concentráronse na aldea de Seoane as familias do colexio...

O mosteiro de Samos acolle este 28 de setembro ás 20.00h un concerto da formación Malandança

O mosteiro de Samos acollerá este sábado -28 de setembro- , ás 20.00 horas,...