HomesociedadeO Servizo de Atención Temperá de Quiroga consolídase, atendendo a 94 nenos/as

O Servizo de Atención Temperá de Quiroga consolídase, atendendo a 94 nenos/as

O Servizo de Atención Temperá de Quiroga integra aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Comisión Mixta do Servizo de Atención Temperá de Quiroga, formada por representantes de cada municipio, vén de celebrar o seu encontro anual. Na reunión aprobouse o orzamento do servizo para a segunda anualidade subvencionable que remata o 31 de outubro de 2024, e a memoria do servizo relativa ao ano 2023.

A memoria recolle, entre outras cousas, información, actividades e datos estatísticos do servizo, enquisas de satisfacción dos usuarios e un estudo de parámetros de calidade. Aínda que hai marxe de melloras puntuais, os alcaldes presentes amosaron a súa satisfacción por contar cunha atención temperá de calidade, de balde e próxima ás familia, que está consolidándose e funcionando moi ben.

No 2023 o SAT de Quiroga atendeu a 94 nenos e nenas dos 8 concellos, 14 máis que no ano 2022, sendo ademais o único de Galicia que non conta actualmente con lista de agarda. Todas as derivacións están sendo atendidas, en ocasións non por todos os profesionais precisos, pero si polo menos por un.

Outro dos puntos da orde do día aprobado foi, en previsión da inminente convocatoria de subvencións para os Servizos de Atención Temperá, manter a agrupación e asinar un novo convenio para solicitar a achega económica que cubra o seguinte período subvencionable mantendo a xestión directa do servizo con persoal propio e dende o Concello de Quiroga.

O servizo comezou a funcionar en setembro do 2020, co nome de Servizo de Atención Temperá da comarca de Quiroga, atendendo aos nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos do neurodesenvolvemento -ou en risco de padecelos- e ás súas familias.

Trátase dun servizo que se xestiona de forma directa dende Quiroga, con persoal propio e que nunha primeira fase limitouse unicamente aos Concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. Ata entón, o equipo estaba conformado por un psicólogo, unha fisioterapeuta e un logopeda.

A principios do 2021 incorpóranse á agrupación os concellos de Sober, O Saviñao e Bóveda, polo cal quedan incluídos no novo Servizo. E posteriormente nun convenio asinado o 15 de outubro dese mesmo ano, anéxanse tamén A Pobra do Brollón e Pantón. Dado o aumento da poboación diana, engádense ao equipo unha segunda psicóloga, unha segunda logopeda, e unha terapeuta ocupacional. Dende xullo de 2023, o Director do SAT é Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Servizos Sociais.

ÚLTIMAS

189.000€ para impulsar o emprendemento leva repartidos o Concurso de Proxectos Empresarais Semente Ribeira Sacra

Desde a Asociación Semente de Monforte e todas as empresas e institucións colaboradoras nesta...

A Deputación realiza obras de mellora na ponte que une Quiroga con San Clodio

Os traballos de conservación na ponte que une as localidades de Quiroga e San...

Enrique Pérez Losada, socio de honra no Círculo do Saviñao

O Círculo Cultural Recreativo Saviñao aprobou na última asemblea, a proposta dun grupo de...

‘Xornadas lactouras’ en Monforte

A Asociación Micolóxica Lactouros, cunha traxectoria de máis de 40 anos dedicados ao estudo...