A Asociación Veciñal do Saviñao asegura que o Consorcio de Turismo sinalizou algunhas rutas de sendeirismo no territorio da Ribeira Sacra con sinais verticais metálicas de cor laranxa, pero non sinalizou nos concellos de Pantón e O Saviñao.
A ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño, a primeira homologada no territorio do Miño e é a máis longa de toda a Ribeira Sacra, con 37 quilómetros, é adecuada para facer en dúas ou máis xornadas. Foi descrita polos numerosos grupos de sendeirismo que a visitaron como unha das máis atractivas e completas de Galicia.
O seu interese ven dado pola cantidade de elementos de interese paisaxístico, etnográfico e patrimonial que atravesa no seu traxecto: catro igrexas románicas (Sto. Estevo de Ribas de Miño, S. Paio de Diomondi, S. Salvador da Cova e Sto. Estevo de Atán), a calzada romana e medieval dos Codos de Belesar (que forma parte do Camiño de Inverno), o núcleo de Belesar e as dúas áreas fluviais do Miño (A Cova e Maiorga), así como a coñecida fervenza de Augacaída, ademais de atravesar numerosas aldeas que amosan unha arquitectura propia (Diomondi, Mourelos, A Cova, O Carballo de Ribeiras de Miño, A Míllara, Marce, Seoane de Atán…). O percorrido permite contemplar numerosos elementos paisaxísticos e etnográficos: a alternancia de viñedos en socalcos con frondosos bosques de caducifolias, os portelos que comunican as muras, as airas empedradas das mallas comunais, os pozos horizontais da ribeira …
Asegura a asociación que “o interese desta ruta está sobradamente demostrado e que merece que se valorice e se coide, polo que lle solicitamos ao Consorcio de Turismo a correspondente sinalización cos sinais laranxa nos dous inicios da ruta, Sto. Estevo de Belesar e Segade, así como nos puntos intermedios do seu traxecto: Belesar, o Priorato da Cova e Maiorga”.
A outra medida refírese á área da Cova que o Consorcio como punto negro na Ribeira Sacra para a mobilidade e que ameaza a sostibilidade do turismo que visita o lugar. Dende a Asociación repeten propostas que teñen feito co fin de evitar o colapso desta zona vulnerable e de gran afluencia de xente:
- Modificar o percorrido do microbús lanzadeira que xa está en activo. Propoñen a saída dende Fión, na bocarribeira, xa que a maior parte dos visitantes da praia proceden de fóra do Saviñao e non chegan a pasar por Escairón, onde está agora o punto de partida. Para conseguilo habería que habilitar un espazo de aparcamento para a saída. Poderíase valorar un segundo servizo dende Belesar.
- A circulación de senso único dende o desvío a Arxuá, pouco antes da igrexa románica da Cova, permitíndoselles o tránsito no senso contrario só aos propietarios de terras na ribeira. A baixada faríase pola igrexa da Cova, e a subida sería por Soutomango e Arxuá. Quedaría un curto espazo de circulación nos dous sensos, duns 300 metros, onde se xuntan as dúas estradas, que poderían estar regulados por semáforos.
- Sinalizar o ancho da estrada e a prohibición de circulación de vehículos de máis de 6 metros de lonxitude, incompatibles co trazado sinuoso da estrada. Isto suporía que non poderían circular nin autobuses grandes nin autocaravanas.
- Colocación de paneis dixitais nas zonas de estacionamento e de saída dos microbuses, en Fión e Belesar, para informar da ocupación das prazas de aparcamento na área da praia.
- Protección estrita da paisaxe, que implica o rexeitar calquera ampliación do ancho da estrada.