Coa sinatura deste acordo, que ambos dirixentes materializaron no Pazo de San Marcos, a institución provincial financia integramente esta actuación que permitirá á entidade local acondicionar por completo este camiño, mellorando o seu estado e recuperando o seu uso.
O proxecto de renovación inclúe a limpeza de maleza, movementos de terra e a pavimentación mediante triplo rego asfáltico. As obras, que terán un prazo de execución dun mes, permitirán facilitar o acceso aos veciños e veciñas que residen na parte baixa da vila, concretamente no Campo e o barrio do Val.
Mediante este convenio, subliñou José Tomé, “damos resposta a un problema de comunicación que existe en Nocedo. Actualmente, os veciños e veciñas teñen dificultades para acceder á parte baixa desta parroquia, ao lugar do Teo-O Val. O que representa un grande risco en caso de emerxencia, incendios ou derrubamentos no camiño do Porteleiro, porque poidan deixar incomunicada unha parte da localidade”.
Ademais, a recuperación do camiño facilitará o acceso dos veciños aos seus fogares para realizar obras de mantemento, reformas ou novas construcións. “Tamén permitirá un acceso máis cómodo para camións de subministración de gasóleo ou outros combustibles, facendo que o transporte de materiais sexa moito máis eficiente”, indicou.