HomesociedadeConta atrás para o 'Castañazo Rock'

Conta atrás para o ‘Castañazo Rock’

Chantada acolle os días 1 e 2 de novembro unha nova edición do Castañazo Rock, cita icónica que se celebra desde 1993 e que despois de varios parénteses, como o da pandemia da Covid, chega este ano á 19 edición.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A presentación, que tivo lugar hoxe no Auditorio Municipal de Chantada, contou coa presenza do Concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez; a responsable da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, Iria Castro; e Paulo Gómez e Sara Taboada da asociación promotora, a Asociación Cultural O Castañazo.

O Concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez, destacou o traballo da Asociación Cultural O Castañazo por seguir apostando por este Festival que é un referente na programación do outono no país, “O Castañazo Rock demostra que hai canteira para seguir celebrando o Festival. Desde o Concello de Chantada seguiremos colaborando económica e loxísticamente para seguir colleitando éxitos con esta cita que trae ao municipio a multitude de persoas e crea ambiente de festa na vila”.

Pola súa banda, Iria Castro valorou “o gran dinamismo da organización que involucra, de forma directa, a máis dunha vintena de mozas e mozos de Chantada, e que logrou consolidar o festival como un referente musical do outono”  e lembrou o apoio “na colaboración continuada e estable que desde a área de Cultura mantemos co tecido asociativo na organización de festivais de pequeno e mediano formato para manter a oferta de música en directo en toda a provincia e propiciar escenarios para as bandas galegas”.

Presentación do festival. Foto: Concello de Chantada.
PROGRAMACIÓN: CONCERTOS E ACTIVIDADES PARALELAS DO FESTIVAL

Os concertos desenvolveranse, como é habitual, nas instalacións do Mercado Gandeiro. A apertura de portas farase os días 1 e 2, ás 19:00h para as 20:00h dar comezo aos concertos. Nesta edición contarase o venres 1 de novembro coas actuacións de Los Chikos del Maíz, Boikot, Zetak, Mondra, Quinkillada e Cool Nenas. O sábado, 2 de novembro, os concertos correrán por conta de Lendakaris Muertos, The Baboon Show, Lontreira, Dios Ke Te Crew, Boyanka Kostova. Entre concertos haberá música de DJ Sonora Balkumbiera. O Festival conta con zona de acampada gratuíta e roupeiro habilitados nos pavillóns dos colexios.

Ademais dos concertos organízanse actividades paralelas para dar ambiente a toda a vila. No Auditorio Municipal haberá exposición de traballos sobre O Castañazo, realizados polo alumnado dos diferentes centros de ensino. O 2 de novembro celebraranse os Cantos de Taberna, que comezarán ás 15:00h, partindo da Praza de Santa Ana, coa participación de 12 grupos que percorrerán 11 bares da vila.

Colabora cos Cantos de Taberna, o Entroido Ribeirao, que levará os seus personaxes no percorrido polos bares para poñer en valor esta emblemática tradición do Entroido. Ao redor das 18:00h prevese o remate dos Cantos de Taberna, aos que seguirá o pasarrúas de Mekanika Rolling Band.

Como actividades complementarias, como é habitual, contarase con magosto que se celebrará o 2 de novembro as 19:00 no Recinto do Festival. Mentres que o Ourizo Miúdo terá lugar nesa xornada, ás 11.30h no Auditorio Municipal de Chantada, onde crianzas de todas as idades poderán pasar unha mañá chea de música, teatro, castañas e diversión con Brais das Hortas.

Nesta edición recupéranse os Xogos Bravús que se desenvolverán na Praza do Cantón o día 1 de novembro nas categorías de Individual (comezo ás 16:00h.) e Equipos (comezo ás 17:00h.) Establécense as seguintes probas: Rebola Bolo, Lanzamento de Ourizo, Carreira de Leiteiras, Debulla Millo e Movemento de Marco.

Como novidade nesta 19 edición organízase a I Feira de Artesanía, que se celebrará na Praza do Cantón os días 2 e 3 de novembro. Os 11 postos participantes abrirán o 2 de novembro de 11:00 a 19:00h e o 3 de novembro de 11:00 a 14:00h. Nenas e nenos contarán no mesmo escenario con actividades infantís a cargo de Velaísca, o domingo en horario de mañá.

ÚLTIMAS

O equipo de Goberno de Monforte anima a sumarse á campaña do 25N

Dende o Concello de Monforte impulsan un completo e variado programa de actividades co...

Outubro deixa 138 parados máis na zona centro-sur da provincia

A Secretaría de Acción Sindical de CC.OO valora moderadamente os datos do paro correspondentes...

José Tomé e Manuel Campo Vidal inauguran unha formación que instruirá a xente para axudar a fixar poboación no rural

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao xornalista e doutor...

“Como cambiamos? Enfermidade, sanidade e saúde en maiores”, este 8 de novembro ás 18:00h no Hospital de Monforte

Con esta sesión sobre saúde en maiores desde a perspectiva da Atención Primaria continúase...