A xuntanza serviu para traer confirmación de novidades nunha das reclamacións principais dos concellos do Barco e Monforte como é a pronta licitación de novos tramos da A76, co que supón de reforzo para o interior de Galicia. A primeira licitación corresponderá a algún dos tres tramos da contorna de Valdeorras; O Barco – Veiga de Cascallá, Requejo – A Veiga e Vilamartín – Requejo. A intención é facelo ó longo do 2019 para consolidar o estudio informativo do conxunto da obra. Os dous alcaldes expuxéronlle ao secretario xeral alternativas na área de Monforte para mellorar e axilizar a conexión ate Ourense e que non se vexa afectada pola previsible declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da humanidade pola Unesco. Esta conexión constituirá a primeira autovía que vertebre o interior de Galicia xa que é a única zona, o eixo Lugo- Ourense, pola que aínda non se pode circular por unha autovía.
En canto á variante urbana de Monforte estanse desenvolvemento os traballos de elaboración do proxecto. O alcalde de Monforte, José Tomé, insistiu na importancia de unir a Ronda Urbana, dende a rotonda da estrada de Ourense, ata a Nacional 120. O concello traballa nas modificacións administrativas que hai que realizar ao convenio do 2005, para posibilitar que o Ministerio de Fomento se faga cargo das expropiacións.
En opinión do secretario xeral do Eixo Atlántico a parte negativa da xuntanza foi a modernización da liña ferroviaria Lugo-Ourense. Desde Adif trabállase na electrificación da liña, o que posibilitará unha mellora nas unidades que operen o servizo de media distancia entre as dúas capitais e permitirá que unha unidade do AVE que se separe en Ourense poida chegar ate Lugo sen ter que cambiar de tren. Pero aseguran desde o Eixo que esto non suporá unha mellora dos tempos, mentres non se executen as variantes dos Peares-Canabal e Monforte-Rubián.
Para comezar coa tramitación detas variantes é imprescindible que a Secretaría Xeral de Infraestruturas, a través da Subdirección xeral de Planificación Ferroviaria, saque a exposición pública o estudo informativo, pero non se deron prazos o que é visto desde o Eixo como un agravio comparativo para os proxectos de Galicia frente aos doutras zonas. Neste punto o secretario xeral de Infraestruturas comprometeuse a comunicar, antes de Nadal, a data na que o estudo sairá a información pública.