HomeMovementos sociaisCOGAMI reclama dereitos para as persoas con discapacidade

COGAMI reclama dereitos para as persoas con discapacidade

Faino nesta ocasión aproveitando que este martes 3 de decembro celébrase o "Día Internacional das Persoas con Discapacidade".

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, COGAMI e o seu movemento asociativo formado por 60 entidades representativas da discapacidade física e orgánica en Galicia lembran que, malia os avances conqueridos, seguen a enfrontarse a multitude de barreiras que dificultan a súa inclusión na sociedade.

Láianse de que “dende a educación ata o emprego, pasando polo acceso á saúde, o lecer e a cultura, a discriminación por razóns de discapacidade continúa sendo unha realidade”, unha situación que din resulta aínda máis grave para as mulleres e nenas con discapacidade.

En palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “a sociedade debe tomar conciencia de que moitas persoas con discapacidade e as súas familias viven a súa vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos. O dereito a vivir de maneira autónoma e independente precisa dunha sociedade libre de barreiras físicas, mentais, sociais e psicolóxicas”.  Queiruga explica que nos últimos anos producíronse avances para o colectivo pero apunta que “aínda que se perciben melloras nalgúns aspectos, queda moito por facer para garantir a igualdade de oportunidades e a non discriminación en todos os ámbitos da vida”.

REIVINDICACIÓNS E DEMANDAS

Dende COGAMI adherínse ás reivindicacións do Manifesto lanzado polo CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) para este 3 de decembro, nas reivindicacións respecto á vivenda como soporte vital da autonomía e independencia das persoas con discapacidade. “Reclamamos o dereito a vivir nun domicilio libremente elixido, cos apoios que se precisen, pertencendo e participando na comunidade. E para que este dereito sexa efectivo, a vivenda debe ser accesible, alcanzable e inclusiva”, din.

Tamén reclaman que haxa avances no que se refire á autonomía persoal. Avogan por un sistema de atención que promova a vida independente das persoas con discapacidade, evitando na medida do posible, a institucionalización.

No que respecta á saúde, educación e emprego tamén revindican accións de mellora. Entenden que resulta moi importante actualizar a lexislación sobre o dereito á saúde das persoas con discapacidade, garantido a detección precoz, a atención integral e accesible en todo o territorio, especialmente nas áreas rurais. E piden tamén desenvolver un Plan de Atención Sociosanitaria, que promova a cooperación entre os servizos sociais e sanitarios; continuar coa renovación e actualización do Catálogo Ortoprotésico do Sistema Nacional de Saúde, para que responda ás necesidades das persoas con discapacidade e maiores; garantir o financiamento público de produtos sanitarios, o acceso a tecnoloxías e intervencións sanitarias; e o acceso universal a servizos accesibles de saúde sexual e reprodutiva, incluídos os de planificación familiar.

No eido da educación reivindican desenvolver plans integrais de atención temperá e impulsar plans de educación inclusiva, garantido que todo o alumnado teña acceso a itinerarios educativos en igualdade de oportunidades. Impulsar programas de accesibilidade nos centros educativos, adaptando espazos e recursos ás necesidades do alumnado con discapacidade. E no emprego impulsar a nova Lei de Inclusión Laboral, establecendo políticas activas de emprego adaptadas ás necesidades das persoas con discapacidade. Modificar a lexislación do emprego público, incrementando a cota de reserva do 7% ao 10% nas administracións públicas. Fomentar os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social e garantir recursos adecuados para que as persoas con discapacidade poidan acceder ao mercado laboral.

ACCESIBILIDADE: MOITO POR CUMPRIR E POR LEXISLAR

Dende COGAMI exixen, como non podía ser doutro xeito, algo que debería estar garantido a día de hoxe e non é así, o cumprimento da lexislación vixente en materia de accesibilidade para eliminar as barreiras físicas e sensoriais en todos os ámbitos da vida e para que todas as contornas, produtos, bens, servizos, procesos e procedementos sexan universalmente accesibles.

Dende COGAMI piden así mesmo que se aprobe o decreto de accesibilidade en Galicia iniciado o seu proceso de validación en 2019 e actualmente aínda en fase de borrador, para que Galicia conte cunha norma actualizada, sendo a anterior do ano 2000. Outras medidas que urxen dentro da accesibilidade é a modificación da Lei de Propiedade Horizontal e crear un Fondo Estatal para a Accesibilidade Universal para aquelas persoas propietarias que non poidan asumir a súa porcentaxe de cota para as actuacións de mellora da accesibilidade.“É inaceptable que máis de 100.000 persoas en España vivan presas nas súas vivendas”, afirman.

ÚLTIMAS

Detidos dous homes como supostos autores de ‘ciberestafas’ denunciadas en Lugo e Monforte

Segundo informaron fontes policiais, unha das estafas foi denunciada en Lugo, e a vítima...

O PP de Monforte considera que as cámaras instaladas na cidade son para impoñer multas, non para mellorar a seguridade

A voceira popular, Katy Varela, explica que se pide esta información dadas as reiteradas...

Este 18 de xaneiro preséntase o tomo IX de Alicerces

O acto de presentación terá lugar este sábado, 18 de xaneiro, no Auditorio Municipal...

Un vídeo divulgará a semente, sega, acarrexa, malla e ‘Festa dos Fachós’ de Castro Caldelas

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas é unha das tradicións de culto ao...