Este sábado 21 de decembro abrirá as súas portas o Mercado de Nadal do Concello de Monforte. Seguindo a tradición destes últimos anos, o evento enfócase para dinamizar o mercado local, potenciar a artesanía e ofrecer diferentes actividades para nenos e nenas, ademais de propostas musicais para todos os públicos.
O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “fomentar as compras desta época nas tendas de Monforte, no noso comercio local, para o que fusionaremos animación e ocio co comercio, nas instalacións dos mercados, como xa vimos facendo nas últimas edicións, unha oferta atractiva de ocio e animación para todos os públicos, ó mesmo tempo que se fan os mercados de tempada”.
O evento terá lugar no espazo expositivo da Praza de Abastos de Monforte en dúas fins de semana. Unha primeira, os días 21 e 22 de decembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas polas mañás e de 17:00 a 20:30 horas polas tardes. E unha segunda, os días 28 e 29 de decembro, no mesmo lugar e co mesmo horario.
QUE MERCAR?
Neste mercado de Nadal os visitantes poderán atopar 15 postos que ofrecerán unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía típica de Nadal, como artesanía en coiro, pintura, bixutería, madeira, complementos téxtiles, calzados, produtos gourmet, galletas artesanais, tartas de queixo artesás, cosmética natural, etc.
PROPOSTAS CREATIVAS E DE LECER
Para completar a oferta comercial e achegar público ao recinto o mercado contará cun variado programa de actividades dirixido a toda a familia e que se celebrará na propia Praza de Abastos.
O sábado 21 ás 12 da mañá celebraranse dous Obradoiros artesanais: un para público infantil de pintura e decoración dunha árbore de Nadal e outro de coiro para tódalas idades, coa elaboración dun marcapáxinas ou ben unha pulseira de coiro.
Pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar o espectáculo de Duende Circo “Pallaso Total” e ás 19:00 horas o Obradoiro de cociña/Showcooking de Nadal no Espazo gastronómico da Praza, que dará ideas de aperitivos para estas festas coa elaboración de tres alternativas diferentes a cargo do Chef Manuel Rodríguez.
O domingo 22 ás 12:00 h terá lugar un obradoiro de artesanía de elaboración de adobíos de Nadal e pola tarde ás 18:30 h o espectáculo “Chungo que te cagas” de Peter Punk para todas as idades.
CONCERTO PARA ANIMAR AO COMERCIO E Á HOSTALERÍA
Nesta primeira fin de semana, e como final ao Mercado de Nadal, o sábado a partir das 20:00 h. haberá un concerto a cargo do grupo monfortino SIE7E ROJO. Repetindo a experiencia de anos anteriores, o Concello de Monforte busca deste xeito ofrecer actuacións a grupos de música locais ao tempo que anima a Rúa Cardenal e dinamiza o comercio local.
O sábado 28, no mesmo lugar e á mesma hora, será a quenda de Movilla y los Irrepetibles.