José Tomé Roca felicitou ao Alcalde pola súa visión de Láncara e o “cambio tremendo” que deu o municipio desde que regresou á Alcaldía. Subliñou que nos últimos 5 anos a Deputación de Lugo achegou a Láncara máis de 3M€ no marco do compromiso que a institución provincial ten cos 67 concellos da provincia. “Na medida das nosas posibilidades, temos que apoiar a todos os concellos, pero sobre todo aos máis pequenos, e esixir que nestes se presten os servizos públicos coa mesma calidade e universalidade que se fai nos máis grandes, porque os dereitos constitucionais dos cidadáns non poden variar ou diminuír en función do lugar de residencia”, apuntou.
As autoridades supervisaron as obras realizadas na rotonda de acceso ao núcleo da Pobra de San Xiao, a rúa Benigno Quiroga, a rúa das vivendas sociais e pararon tamén diante do mural de Diego AS; percorreron os traballos de acondicionamento realizados na rúa Alfonso Cela e na rúa Río Neira; e trasladáronse á Casa do Concello para asinar un novo convenio de colaboración entre ambas entidades por importe de 140.000€.
Este acordo, a través do que a institución provincial achegará a Láncara 110.000 euros, servirá para realizar melloras en varias estradas municipais e para adquirir un vehículo tipo SUV.
Concretamente, este investimento irá destinado ao acondicionamento de camiños municipais que dan acceso a lugares de montaña como Esfarrapa, Casablanca, O Furco e A Cortella, na parroquia de Santiago de Cedrón; e camiños de acceso a Bustelo, na parroquia de Vilouzán. Unhas actuacións que contemplan melloras do firme, que inclúen tarefas de limpeza e asfaltado. Tamén se adquirirá, con cargo a esta achega, un vehículo tipo SUV co obxectivo de reforzar servizos básicos e modernizar o parque móbil municipal.
Aproveitaron a súa visita á Casa Consistorial para percorrer as instalacións municipais e comprobar as actuacións que se fixeron con cargo ao Programa Impulsa TIC para a transformación dixital dos concellos co que a Deputación captou máis de 4M€ de fondos europeos. Nese sentido, a Deputación de Lugo achegou a Láncara preto de 85.000€ para un total de 15 actuacións baseadas en mellorar a interoperabilidade, a crear unha administración máis resiliente coa automatización e dixitalización dos plenos e á mellora da súa transparencia.