Segredos de Pantón comparte en Xornal de Lemos a súa entrevista a ‘Cans do Castro’, unha aventura que comezou na aldea de Mañente, no Concello de Pantón, no ano 2022 coas obras das instalacións. En abril de 2024 púxose a andar abrindo xa as portas ao público.
Como están a ser os inicios desta actividade?
Bueno, a verdade é que os inicios sempre se fan complicados, pero pouco a pouco a xente vainos coñecendo e unha vez que proban, quedan moi contentos.
Sodes máis de can grande ou pequecho?
Niso non temos preferencias, a verdade que poder ter ambos é unha gozada.
Sempre fostes máis de can que de gato?
Son dous animais completamente distintos, dos dous aprendes moito. Ao final, o can é o mellor amigo do home, aínda que moitos gatos tamén poden ser un gran amigo e un membro máis da familia.
Explicádenos o que ofertades para alguén que non vos coñeza.
Somos unha Residencia Canina e Centro de Cría. No ámbito de Residencia Canina ofrecemos varios servizos, hotel, gardería e perruquería. O servizo hotel é para persoas que queren contar con nós para tempadas curtas ou longas. A gardería está máis pensada para poder pasar unhas horas ao día, é un servicio para aquela xente que por motivos laborais non pode ocuparse da súa mascota. Alén diso, tamén contamos con perruquería para os nosos hóspedes. Despois temos o Centro de Cría, xa que nos dedicamos así mesmo á cría selectiva de varias razas.
Contádenos como xurdiu a vosa idea de empresa?
Dende sempre tivemos unha gran paixón polos animais e ese foi o motivo de montar Cans do Castro. A cría xa levamos moitos anos dedicándonos a ela. En canto á residencia, vendo un pouco o nivel de vida que estamos a levar as persoas e que cada vez hai máis cans nas nosas casas, pensamos que era necesario poder darlle esa estancia aos máis peludos.
O voso servizo de gardería é un dos poucos da contorna. É moi estacional ou non? Que tipos de clientes acoden máis a vós?
Si, temos as tempadas altas: Nadal, Semana Santa e verán. O noso tipo de cliente máis usual é aquel que vén pasar uns días na contorna da Ribeira Sacra. Logo temos o cliente comarcal que por motivos laborais e vacacionais conta con nós.
Os servizos que prestan de gardería están cada vez máis en auxe?
Creo que estamos nun momento no que vemos que poder compartir a nosa vida ao lado dos nosos cans é algo moi especial. É por iso que cada vez hai máis cans como usuarios. É indispensable xa que estamos nun mundo en continuo movemento. Ademais, a lei cambiou e agora non se poden deixar as mascotas varios días soas e aí estamos nós para poder darlle o seu segundo fogar.
Vimos que tamén sodes centro de cría. En que consiste? Dalgunha raza en especial? Aínda hai demanda malia o gran número de animais que hai presentes nos refuxios?
Facemos dende hai moitos anos a cría selectiva de Pomerania, Golden Retriever e agora imos comezar con Cane Corso. Aquí tratamos de seguir conservando a raza e definindo os trazos físicos máis orixinais destas, buscamos unha xenética limpa de enfermidades contaxiosas, como pode ser displasia por exemplo. Os nosos clientes buscan obter esa raza en concreto e témolos desde pequenos, xa que é moi importante educalos desde os inicios.
Se estás buscando un can e non che importa a súa expresión física, a xenética e o comportamento da raza, a mellor opción é acudir a un refuxio. Por desgraza aínda hai moitos cans en refuxios, pero non nos podemos esquecer que tendo unha cría responsable e controlada e unhas leis que funcionen, esas son as mellores armas para combater o abandono.
Plantexades algún servizo máis que poidades prestar aos vosos clientes?
Temos varias ideas, todas elas abranguen a axuda a través dos cans e o entorno, para aqueles cativos con problemas que o necesiten.
Como pode un propietario contactar con vós e por que recomendariades que vos escolleran?
En Cans do Castro intentamos darlle o mellor ás vosas mascotas, aquí están nun espazo libre e controlado, temos varias zonas preparadas e acoutadas, divididas para cans grandes, pequenos e para os que son conflitivos. Aquí poderán socializar, xogar sempre coa nosa supervisión e mantendo o cliente informado. Ademais, tamén facemos recollida e entrega a domicilio e contamos co servzo de perruquería para aqueles que queiran recoller a súas mascotas limpas e peiteadas.