HomesociedadeA 'Festa do Chourizo' abrirá as Festas do San Vicente en Margaride

A ‘Festa do Chourizo’ abrirá as Festas do San Vicente en Margaride

Margaride de Lor, localidade do Concello de Quiroga, conta as horas para a celebración das súas grandes festas na honra do San Vicente que serán os días 24, 25 e 26 de xaneiro.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Esta fin de semana Margaride de Lor, no Concello de Quiroga, estará de festas para honrar ao seu patrón, o San Vicente. O aperitivo, e nunca mellor dito, das mesmas é a coñecida ‘Festa do Chourizo’ que terá lugar o venres 24 a partir das 21:00 h.

Neste encontro que organiza a Asociación de Veciños de Margaride ofrécese unha gran pancetada e chourizada de balde para as persoas que se acheguen ata alí, non faltando tampouco o pan, o viño e un exquisito roscón de sobremesa. Trátase dunha festa cun encanto especial polo ben recibidos que son os forasteiros e o ben que presta unha panceta e un chourizo recén asados no lume, máis aínda nas frías noites de xaneiro.

Unha pequena fogueira recibe aos visitantes ao tempo que voluntarios e voluntarias da asociación asan chourizos nunha grella. A medida que a xente vai chegando dáselles un anaco de panceta, un anaco de pan, un vaso de viño e un espeto para que cadaquén ase a súa, e conforme van acabando esperan tamén para dar conta do seu chourizo. Un encontro gastronómico e socializador enxebre arredor do lume e cos espetos encarados uns con outros coa panceta na punta pingando e atizando as brasas coa súa propia graxa.

Xente asando a panceta. Foto cedida.

Como remate a esta merenda-cea, a organización ofrece roscón e convida a quedar á verbena, este ano da man do Grupo Taki/Cardia. A paparotada non se cobra, aínda que coñecendo o esforzo e a hospitalidade da Asociación de Veciños de Margaride, todo o mundo colabora coa comisión de festas coas consumicións e mercando rifas.

Veciñas e veciños de Margaride. Foto: Xosé María
PROGRAMA DE FESTAS PARA A FIN DE SEMANA

Tras este aperitivo gastronómico e festeiro do venres, encárase o sábado 25 no que o día comezará cun pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional O Recanto. A continuación, ás 13:30 h., terá lugar unha Misa Solemne e a procesión, para despois botarlle un vermú que estará amenizado pola orquestra Travesía, formación musical que se encargará tamén da festa e da verbena xa pola noite.

Pasarrúas a cargo do grupo O Recanto. Foto: Xosé María.

Chegando ao domingo 26, outro pasarrúas do grupo O Recanto a partir das 11:00 h. e repetimos coa Misa e a procesión ás 13:30 h. O grupo tradicional de Quiroga encargarase tamén de amenizar a sesión vermú nesta xornada dominical.

E xa para poñer o ramo, o fin de festa consistirá nunha ‘Gran chocolatada’ na Casa do Pobo, local social da Asociación de Veciños de Margaride de Lor.

ÚLTIMAS

CSIF alerta da situación da presa de Vilasouto, no Incio

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), vén de denunciar a "alarmante situación...

2,5M€ para mellorar as estradas da provincia

En Sober adxudicouse á empresa Fevisa Vías y Obras SL a mellora de sete...

Celebración do ‘Xoves de Comadres’ en Monforte

Nun día de tregua no que a choiva se refire, as rúas do centro...

Micro Aberto á cultura este 14 de febreiro na cafetería Mon de Monforte

A iniciativa nace dun grupo heteroxéneo de persoas residentes no rural da zona, no...