O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, mantivo durante tres días unha intensa axenda de traballo na Feira Internacional de Turismo (FITUR), tanto como rexedor municipal coma Presidente da Deputación de Lugo. Este venres o alcalde tivo unha visita institucional ó stand da Asociación Castillos y Palacios de España, á que pertence o Concello de Monforte de Lemos, a través da Torre da Homenaxe.
Desta forma, José Tomé resaltou “a potencialidade da Torre da Homenaxe, un dos emblemas máis selleiros da cidade de Monforte que se erixe na cima do val de Lemos presidindo o Conxunto monumental de San Vicente do Pino, e que ademais é un miradoiro privilexiado, e lugar de visita por excelencia de todos os que se achegan á nosa cidade”.

Stand de Castillos e Palacios en Fitur / Concello de Monforte
Tomé Roca participou tamén durante eses días no acto de traspaso de Presidencia da Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad; acompañando ó que foi o Presidente da Red de Juderías de España en 2024, o alcalde do Concello de Plasencia, Fernando Pizarro García, e ó que dende hoxe é o Presidente da Red para o ano 2025, o Alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil.
O Presidente da Deputación presentaba este 24 de xaneiro no stand de Galia en Fitur a nova campaña de turismo da institución provincial,“Mergúllate na maxia das súas augas”. “Sempre que vimos a Fitur, invitámolos a percorrer os camiños de Lugo, moitos deles rutas do Camiño de Santiago de Compostela. Este ano, propoñémoslles que viaxen polos camiños da auga, porque a incrible diversidade das paisaxes de Lugo, desde os Canóns do Sil á costa da Mariña, é froito da nosa privilexiada relación coa auga. Ese elemento máxico que é difícil de atopar no universo, que resulta indispensable para a vida, e que en Lugo nos amosa todas as súas caras e todas as súas posibilidades”, avanzou o mandatario provincial, que entre outros actos participou na presentación da candidatura da Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga, pon en valor que se está ante un territorio que abrangue as provincias de Lugo e Ourense e que posúe un valor universal e excepcional.