Na programación inclúense tanto actividades de acceso público, caso das populares “Xeorrutas”, como as reservadas a colectivos ou asociacións determinadas, caso das actividades orientadas á comunidade educativa local ou eventos propios de asociacións como a Real Sociedad Española de Historia Natural, que este ano propuxo ao Xeoparque a acollida das súas Xornadas.
A primeira data do programa dedicarase a “O meu primeiro Xeolodía”, unha actividade impulsada desde a Sociedad Geológica de España e organizada polo equipo de Xeoparque e orientada á rapazada de 6º de Primaria e 1º da ESO dos catro centros educativos do territorio. O alumnado desprazarase á aldea de Seceda, onde realizarán unha serie de obradoiros nos que darán resposta a un dos grandes enigmas xeolóxicos das Montañas do Courel.
Ao longo do ano salientan tres períodos que concentran maior actividade. O primeiro coincidirá coa Semana Santa, cunha serie de rutas temáticas denominadas “XeoBús”, na que cada día, de luns a venres, un autobús irá recollendo ás persoas inscritas nas principais poboacións do territorio para facer roteiros dedicados ás Aldeas Paleozoicas, as fervenzas, a minaría aurífera romana, os Xeomiradoiros e a Devesa da Rogueira.
Xa en maio-xuño terá lugar a denominada “Semana dos Xeoparques Europeos” que, malia o seu nome abrangue desde o 23 de maio até o 8 de xuño. Este período arrincará co “Xeopícaros”, unha xuntanza ao aire libre pensada para reunir a toda a comunidade educativa do Xeoparque e rematará cunha “Xeorruta” dedicada aos océanos paleozoicos, que se realizará a mesma fin de semana na que se celebra a Festa da cereixa, o viño e o aceite de Ribas de Sil.
Para ir pechando a tempada de actividades desde o Xeoparque destacan o xa tradicional “Outono Xeolóxico”, que este ano contará cunha xornada sobre os movementos xeolóxicos máis recentes e tres Xeorrutas dedicadas respectivamente á xeoloxía baixo a Devesa da Rogueira e unha serie de dúas Xeorrutas dedicadas ao ferro. Por outra banda, baixo o slogan “Os sabores das nosas rochas”, inclúense todas as festas gastronómicas organizadas desde os tres concellos constituíntes do Xeoparque para o impulso dos produtos locais: o aceite, a castaña, o viño, o mel e a cereixa. Non se descarta a realización de actividades adicionais, das que se informará, como é habitual, ao través das redes sociais do Xeoparque Montañas do Courel, presente actualmente en Facebook e Instagram
