Os traballos realizaranse entre as 8:00 e as 15:00 horas deste xoves, 6 de marzo, e verase afectada polo corte de subministro, a parroquia de Reigada.
Co obxectivo de finalizar as obras de instalación da nova tubaxe da rede xeral que abastece os depósitos de San Vicente dende os Depósitos do Cornado, levaranse a cabo as mencionadas probas de presión, necesarias para certificar o correcto funcionamento.
En novembro de 2022 deron comezo os traballos de instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento de Monforte, despois de asinar entre o concello e a empresa FCC Aqualia S.A., un preacordo para executar as obras do proxecto denominado “Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte”, proxecto que consiste na dotación dunha nova tubería xeral de fundición na rede de abastecemento de auga, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente, cun investimento de 1,7 millóns de euros. O inicio das obras tivo na zona do Campo de fútbol de Ribasaltas e a obra foi avanzando en dirección á cidade, dende os depósitos do Cornado.
O Alcalde salienta que “esta actuación suporá un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte”, e recorda que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable”.
Antecedentes
O 24 de febreiro de 2020, o Pleno do Concello de Monforte acordou instar a FCC AQUALIA, á execución de investimentos por un importe de 2.221.980,36 €, incrementado no correspondente interese legal do diñeiro, dando un resultado total de 3.718.223,00€. Devandito acordo foi recorrido por FFC AQUALIA S.L., ante a xurisdición contencioso administrativa.
O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo ditou a Sentenza n.º 269/2021, de 30 de decembro, en relación co recurso interposto por FCC AQUALIA S.L. na que se ordenou a execución de investimentos, por un importe total de 1.671.671,22 €, que haberían de ser incrementados cos intereses, desde a data que se indicou na resolución xudicial ( 21 de marzo de 2018).
Contra esta sentenza procedeuse a formular recurso de apelación, tanto por FCC AQUALIA, S.A, como polo Concello de Monforte de Lemos.
O Alcalde indicou tamén que “dende o Concello continuaremos con dito recurso de apelación, pero entendemos que é importante que naqueles puntos en que ambas partes, Aqualia e o propio Concello, estean de acordo, se proceda ó seu cumprimento, para non demorar actuacións que creemos son importantes para a nosa cidade, como é o recollido no Preacordo que acabamos de asinar”.