HomesociedadeXubilados e pensionistas da CIG mobilízanse pola situación de urxencia dos SAF

Xubilados e pensionistas da CIG mobilízanse pola situación de urxencia dos SAF

Pensionistas e xubilados da CIG concentráronse este xoves diante do concello de Monforte, para reclamar a xestión pública directa do Servizo de Axuda no Fogar por parte da Xunta de Galicia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Coa concentración reclamábase un SAF dotado con orzamentos e persoal suficiente que permita atender a enorme demanda que ten este servizo; que responda ás necesidades de apoio que teñen as persoas dependentes e as súas familias e no que se garantan unhas condicións laborais e salariais dignas ao persoal.

O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG vén denunciando desde hai tempo as graves carencias existentes en dependencia e atención a persoas maiores. Carencias entre as que salientan un tempo de espera de máis de un ano desde a solicitude de dependencia ata que se ten a resolución da prestación ou que, ademais, a agarda pode ser aínda maior desde a resolución ata que se ten a prestación, nalgún caso mesmo anos.

O Colectivo entende que hai unha grave situación urxente que abordar: O Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Destacan que en Galicia a xente quere vivir o máximo tempo posíbel na súa casa e só acudir a un centro asistencial cando non queda máis remedio. “Mais para isto precísase un Servizo de Axuda no Fogar axeitado, dotado con persoal suficiente e que supoña o necesario apoio para as persoas dependentes e as súas familias”.

Denuncian, a este respecto, que o SAF é un servizo cuxa competencia a Xunta fíxoa recaer nos concellos cun financiamento insuficiente. “De aí que haxa múltiples modelos de xestión, a maior parte deles en mans privadas, que supoñen grandes problemas na prestación da
atención”, explican.

Aseguran que os SAF, na actualidade, contan con persoal insuficiente, o que fai que haxa unha importante sobrecarga que “redunda negativamente nas persoas usuarias, que ven mermada a atención que se lles presta, e nas traballadoras (na súa inmensa maioría mulleres), que soportan o peso de asumir moitas tarefas en pouco tempo”, advirten. Sinalan que, ademais, este persoal non está xustamente retribuído, nin coas condicións laborais
adecuadas, dado o traballo que fan.

O colectivo entende que son necesarios cambios nas políticas de atención á dependencia, e que se poñan en marcha as accións necesarias para garantir unha atención adecuada a través dunha rede pública de recursos, cun acceso equitativo, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.

Con todo, esixen a posta en marcha dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, que xestione todos os recursos públicos, incluíndo o Servizo de Axuda no Fogar. Consideran, ademais, que este Servizo debe ser xestionado directamente pola Xunta. A CIG segue a demandar a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que xestione todos os recursos públicos, incluído o SAF, “para que as persoas dependentes poidan ter cubertas as súas necesidades en condicións dignas e de xustiza social”.

Concentración xubilados CIG en Monforte / CIG

ÚLTIMAS

Delia González, unha filla da emigración galega a Arxentina con raíces en Pantón

Encarnación verbalizaba as palabras mentres súa nora, Flora, escribíaas na mesma cociña, ao carón...

Convócase o Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais de Monforte

O Concello de Monforte convoca o XX Concurso de deseño de carteis das Festas...

Excarcerado tras saírse da vía e caer por un terraplén en Sober

Tal como informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron sobre as 23.00 horas no...

O PP pedirá no pleno un plan de mellora das zonas de ocio

A voceira popular, Katy Varela, explica que, pese a que son numerosas as zonas...