HomesociedadeUn ex-xefe da CIA avisa en Sober dos perigos da desinformación

Un ex-xefe da CIA avisa en Sober dos perigos da desinformación

O concello de Sober acolleu este mércores unhas xornadas sobre o papel da prensa no mundo actual, un evento no que participou un dos principais expertos en intelixencia de Estados Unidos, o que fora xefe da CIA Fulton Armstrong, quen incidiu na necesidade de "restaurar a cultura da intelixencia" contra a desinformación.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O ex-xefe da CIA para América Latina chega a esta xornada desde a Universidade Rei Juan Carlos de Madrid, dentro da cátedra Servizos de Intelixencia e sistemas democráticos.

No evento, defendeu que nestes momentos de cambio “facer unha boa análise e colleitar boa información identificando as fontes fiables permitirá superar problemas e avanzar polo camiño do progreso”. Esta filosofía mantena tanto para a vida empresarial, como social ou a persoal.

O acto, organizado por Cesuga no hotel Áurea Palacio de Sober, reuniu a unha trintena de participantes nunha sesión formativa centrada no uso da intelixencia como ferramenta estratéxica empresarial. Armstrong, que asesorou a presidentes como Bill Clinton, Joe Biden, así como ao secretario de estado John Kerry, subliñou a necesidade de “crear, ampliar e restaurar unha cultura da intelixencia que permita avaliar con rigor a información”.

Durante a súa charla, Amstrong explicou que o mundo está baixo o que definiu como unha “crise de intelixencia” que viven empresas e sociedades ante o exceso de datos e desinformación. Para el esta crise está en varias frontes, por unha banda, a do liderado, representada polos gobernantes electos en diferentes países do mundo, “que están nunha situación bastante caótica”. Nese punto puxo como exemplo a Estados Unidos, onde o cambio de Goberno trouxo uns aranceis e un cambio de alianzas.

Tamén acusa unha crise nos seguidores, porque a poboación está alagada de fontes que non son fiables, pero teñen unha influencia enorme sobre eles, a pesar da súa falta de fiabilidade. Personalizou esta desorde informativa nas canles sociais, que contrapuxo ao xornal de papel, as emisoras convencionais ou os medios dixitais de prestixio como “fonte consolidada e crible de información”.

Durante a súa intervención, propuxo unha nova ética informativa para afrontar a manipulación, a desinformación e as teorías da conspiración. Ao seu xuízo, un dos retos máis urxentes é lograr un marco común de interpretación que permita combater as ameazas da “información lixo”. Para iso propón realizar unha formación en todos os ámbitos, empresarial, social e persoal, “que permita realizar unha análise transparente, responsable, que identifique as maneiras nas que podemos superar os problemas”.

Para Amstrong, a forma na que se fideliza a información cambiou moito nos últimos anos. “Antes os xornais que se equivocaban tiñan que render contas ao día seguinte, corrixir, non podían escapar como fan agora os medios sociais, que realizan unha manipulación total e alimentan a información en función dos perfís aos que vai dirixida”.

Para solucionalo propón crear unha cultura de máis pensamento crítico, cambiar a actitude para seleccionar como nos entra a información e cambiar os impulsores que nos ofrecen esta información.

Ademais, defendeu a corrente que busca que os novos medios aumenten a rendición de contas ante as fake news e que “tomen a mesma responsabilidade que os medios tradicionais á hora recoñecer os erros”.

Na xornada tamén participaron expertos como Fernando Velasco, director da Cátedra de Servizos de Intelixencia e Sistemas Democráticos, e Rubén Jordán, especialista en liderado virtual e intelixencia inmersiva. As actividades incluíron dinámicas prácticas, talleres de comunicación e resolución de crise en contornas simuladas.

En palabras de Armstrong, só recuperando a confianza en fontes sólidas como a prensa impresa poderase facer fronte aos desafíos dun mundo cambiante e saturado de datos “potencialmente inabarcables”.

SITUACIÓN EN ESTADOS UNIDOS

O especialista norteamericano fixo tamén unha valoración da situación política do seu país alegando que “ambos os partidos (demócrata e republicano) están nunha crise total”.

Nos republicamos está Trump, “que sabe manipular moi ben e que ten detrás a un partido unido contra uns intereses contrarios aos que tivo sempre. E por unha razón difícil de entender, a xente ségueo e faino a cegas”, manifestou.

Por outra banda, centra a crise dos demócratas en seguir fieis a un presidente que non aproveitou os catro anos que gobernou para facer unha remodelación do partido, cubrindo a súa “incapacidade” para deixar un partido “sen ideoloxía, sen estratexia política e sen a dinámica que é esencial para ter o debate político suficiente e seguir adiante”, explicou.

O xiro demócrata cara á dereita deixou, en opinión de Armstrong “o campo libre a Trump para facer o que queira, danando as alianzas estratéxicas e establecendo uns aranceis que teñen un custo económico”.

ÚLTIMAS

Iniciativa solidaria en Monforte para darlle unha nova vida a bicicletas en desuso

Provivienda, en colaboración coa Escola de Ciclismo Ribeira Sacra, o Clube Ciclista Monforte, o...

Defensa Persoal para Mulleres en Chantada este 18 de maio

A este respecto organízase para o domingo, 18 de maio, un Curso de Defensa...

A D.O. Ribeira Sacra brinda polo ‘Día Viño D.O.’ na XXX Mostra de Viños de Pantón

O brinde colectivo e simultáneo do que participarán 32 denominacións de orixe de España,...

Pantón inaugura 3 días de Mostra de Viños con carpa contra a chuvia

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, participou no acto de inauguración no...