HomesociedadeCase un cento de persoas alzan a voz nos Peares en defensa...

Case un cento de persoas alzan a voz nos Peares en defensa do pobo palestino

O Bloque Nacionalista Galego das comarcas de Lugo Sur e de Ourense celebrou este martes ás 20:30 horas nos Peares un acto simbólico de solidariedade internacional, onde denunciou o xenocidio contra o pobo palestino e reivindicou a paz, pediu xustiza e o dereito dos pobos a existiren e decidiren libremente o seu futuro.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A acción consistiu no despregamento de bandeiras palestinas con algunhas galegas na “ponte vella”, a da antiga N-120, un símbolo de unión entre ríos e comarcas que serviu de arteria de comunicación histórica para o pobo galego.

Case un cento de persoas participaron no acto, entre as que se atopaban representantes institucionais, cargos orgánicos do BNG e membros de colectivos sociais e culturais das comarcas que se xuntan nos Peares. Entre eles, estiveron o Deputado do BNG por Ourense Iago Tabarés, e os portavoces nacionalistas en diferentes localidades como Monforte de Lemos, Pantón,Bóveda, Taboada, Ribadavia, Coles.

“Escollemos Os Peares precisamente por ser un punto de encontro, unha arteria e vía de comunicación histórica na que o río sempre foi unión, e iso é o que queremos construír: paz, unidade e solidariedade fronte á inxustiza e a barbarie”, explica Rosana Prieto Florines, responsable comarcal do BNG no sur de Lugo e portavoz na corporación de Pantón que foi quen deu lectura a unha Declaración Política na que se esixiu o “cesamento do fogo e parar o xenocidio sobre o pobo palestino”, e lembrou a necesidade dunha solidariedade activa da sociedade fronte á inxustiza, e á complicidade internacional.

Concentración apoio a Palestina nos Peares / BNG

O BNG manifestou a súa “condena rotunda e sen ambigüidades” á política de violencia e exterminio levada a cabo por Israel, que nas últimas horas anunciou unha nova ofensiva “sen precedentes”, comezando cun bombardeo sobre unha escola que servía de refuxio para civís. “A situación en Gaza é insostible. Máis de 16.000 crianzas foron asasinadas en 19 meses. Isto é un xenocidio e non se pode relativizar”, denunciou Prieto Florines, quen tamén criticou a “hipocrisía” do goberno español por tentar capitalizar o recoñecemento do Estado Palestino sen romper os acordos militares con Israel, así como o “silencio cómplice” da Xunta de Galicia.

“A causa palestina non é só unha cuestión de dereitos humanos, que tamén. É unha loita pola liberdade, pola dignidade e pola existencia dun pobo que leva un século sufrindo opresión e expulsión e aniquilación” lembran desde a organización frontista. O acto rematou cun chamamento á sociedade galega e á comunidade internacional a traballar activamente por unha solución política e pacífica, xusta e duradeira baseada no respecto ao
dereito internacional e na fin da ocupación.

O BNG comprometeuse a seguir apoiando a causa palestina desde todos os espazos, “da mobilización social ao traballo institucional”, porque “só desde o compromiso firme coa paz e coa solidariedade internacionalista se pode construír un futuro xusto para todos os pobos” conclúen.


Concentración apoio a Palestina nos Peares / BNG

ÚLTIMAS

A ‘Xuntanza de Artesáns’ de Vilamor chega á súa XII edición

A Asociación de Veciños e Sociocultural ‘O Quintairo’ de Vilamor, con pouco máis dun...

O Trail Heroica Sacra celébrase do 27 ao 29 de xuño

A primeira xornada estará adicada a escolares, que protagonizarán o Peque Heroico. O sábado...

A CIG Saúde demanda dúas persoas máis no Servizo de Admisión Central do Hospital de Monforte

A CIG Saúde asegura que se vai quitar a dúas persoas para pasar, unha...

Xornada final do ‘Marida Maio’ no Centro do Viño da Ribeira Sacra

Este xoves 29 de maio, ás 19:30 h., terá lugar a terceira e última...