Estas subvencións teñen carácter plurianual, cada 4 anos, rematando neste 2025. Neste tempo adquiriuse unha traspaleta pesadora para os residuos de pequeno tamaño, ampliouse a superficie de almacenamento para instalar dous novos contedores de gran volume e outros seis contedores de medio volume. Compráronse estes contedores e xaulas de almacenamento para distintas fraccións de residuos como televisores, impresoras, batidoras,… Ao contar con máis superficie ampliouse tamén a tipoloxía de residuos autorizados a depositar polos usuarios, mellorando o servizo e evitando así vertedoiros incontrolados.
Despois de impermeabilizar as zonas de almacenamento de residuos perigosos para optimizar as condicións das instalacións, adquiriuse unha báscula para grandes volumes ou residuos de camións. Con todo mellórase na caracterización ou rexistro das diferentes entradas de residuos o que favorece a súa xestión.
Coas úlimas actuacións mellorouse a sinalización para unha correcta separación de residuos e concienciar aos usuarios favorecendo a reciclaxe, e instalouse un sistema de videovixilancia, para controlar os verquidos de residuos fóra de horario ou outro tipo de incidencias.
Todas as melloras desenvoltas, nas que se investiron 103.000€ dos que a Xunta de Galicia financia o 90%, supoñen un 83% de aumento na capacidade de recollida do punto limpo. Este ano vólvese solicitar esta subvención para seguir coas melloras. O punto limpo de Chantada funciona de luns a venres de 8:00h a 15:00h.
98.400€ para seguir mellorando a recollida de residuos
O Concello de Chantada solicitou este ano novamente, unha subvención para actuacións e mellora de residuos de competencia municipal. Cunha das liñas de axuda adquiriranse novos contedores de grandes volumes de 30m3 e 15m3, ampliarase a zona cuberta para crear un espazo de recuperación, reutilización e transformación de aparatos e de obxectos que poidan ser reutilizados por outras persoas e mellorarase a iluminación cun investimento de 50.000€.

Punto limpo Chantada / Concello de Chantada
Coa liña 3 da subvención para puntos limpos móbiles o Concello de Chantada poderá adquirir un vehículo eléctrico para o departamento de medio ambiente, que estará adaptado para o transporte de pequenos residuos que se recollen nos puntos limpos móbiles das parroquias e na vila de Chantada. Neste caso o investimento será de 48.400€.
As actuacións, que contan cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do 90%, executaranse neste ano 2025.
“No Concello de Chantada estamos en constante mellora para facilitar a recollida de residuos. Temos a disposición da cidadanía a recollida de enseres a domicilio e tamén estamos facendo recollida porta a porta dos plásticos agrícolas para as gandarías, nos dous casos as persoas interesadas deben de contactar co punto limpo no teféfono 670 05 22 57. Coa constante ampliación de servizos no punto limpo podemos dar mellores solucións aos residuos que se producen no municipio ”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.