HomesociedadePreséntase en Sarria a campaña “Non camiñas soa” por un Camiño de...

Preséntase en Sarria a campaña “Non camiñas soa” por un Camiño de Santiago libre de violencias machistas

O programa, impulsado polas unidades contra a Violencia sobre a Muller das comunidades autónomas polas que pasa o Camiño, busca reforzar a protección das mulleres que realizan a peregrinación, tanto soas como acompañadas, ofrecendo materiais que garantan a súa seguridade e liberdade ao longo do percorrido.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, presentou esta semana en Sarria a campaña “Non camiñas soa”, por un Camiño de Santiago libre de violencias machistas, que ofrece un ano máis información e recursos en 40 puntos da localidade, un dos tramos máis concorridos do Camiño Francés. No acto participaron tamén o alcalde, Claudio Garrido, a xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, María Luisa Castro, membros das forzas e corpos de seguridade e representantes do concello.

Na provincia de Lugo, a campaña chegará este ano a 377 puntos das rutas xacobeas, con 377 carteis e 7.540 tarxetas en español e inglés. No caso de Sarria, as peregrinas poderán atopar este material no posto da Garda Civil, na sede da Policía Local, en 5 farmacias, 29 albergues, 2 oficinas de turismo e no centro de saúde.

As tarxetas inclúen números de emerxencia e datos de contacto das Forzas e Corpos de Seguridade, así como información sobre a aplicación AlertCops, que permite comunicar en tempo real calquera alerta coa localización exacta. Ademais, un código QR enlaza cunha web oficial con recursos de atención e asistencia da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, do Ministerio de Igualdade.

No ano 2024 as mulleres xa constituíron a meirande parte dos peregrinos: un 53 %, o equivalente a 254.677 persoas que completaron o Camiño, fronte a 210.423 homes. A subdelegada agradeceu a colaboración das forzas de seguridade, profesionais sanitarios, farmacias e responsables dos albergues, “xa que son puntos de referencia para as persoas que fan o camiño, ofrecendo proximidade, confianza e unha ampla capacidade de difusión da mensaxe de prevención e apoio ás mulleres”.

ÚLTIMAS

‘A Galeguiña’, da marca monfortina Gemma & Naza Cheesecakes, mellor Torta de Queixo de Galicia 2026

A torta premiada, bautizada como "A Galeguiña", nace cunha idea moi clara: render homenaxe...

Educación ambiental e baloncesto co proxecto ‘Ningún Aro Sen Rede’

De Lugo a Escairón, pasando por Monforte de Lemos e Antas de Ulla. A...

Folgoso do Courel homanexeu a súa castaña

A celebración é un importante punto de encontro para veciños e visitantes, cunha gran...

O PP esixe o arranxo urxente da LU-P-4112 en Pantón para garantir a seguridade do transporte escolar

Os deputados do Grupo Provincial Popular advirten a PSOE e BNG, tralo anuncio de...