Homesociedade20.000 hectáreas levan ardidas co incendio que comezou en Larouco o día...

20.000 hectáreas levan ardidas co incendio que comezou en Larouco o día 13

Continúa activo o incendio que comezaba na tarde do mércores, 13 de agosto, no concello de Larouco e que afecta tamén aos municipios de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Cos datos provisionais que ofrece este 19 de agosto a Consellería de Medio Rural, o incendio iniciado en Larouco e que chegaba este venres a Quiroga, supera xa ao de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, que se mantén nas 17.500 hectáreas ardidas.

Mentres que o incendio de Larouco seguiu avanzando durante a noite polo municipio de Quiroga e a comarca de Valdeorras. En 24 horas calcináronse case 5.000 hectáreas ata chegar ás 20.000 actuais.

O concello de Quiroga informa de que esta noite foi complicada para os núcleos de Bendollo, Centeais e Vilar de Mondelo, “Traballadores do servizo de extinción de incendios, voluntarios e veciños traballaron incansablemente para protexer as casas máis próximas as lapas. Segundo os datos desta mañá, o lume avanza cara os lugares de Outeiro, Soldón da Seara, e a aldea do Mazo. Segue ameazado o núcleo de Centeais”.

O incendio de Quiroga compórtase como xa fixera o da Serra do Courel de 2022 que tamén afectara a este termo municipal e que ata este mes de agosto era o maior que padecera Galicia. Estamos ante incendios convectivos, impredicibles e extremadamente perigosos, “xeran o seu propio sistema de ventos e é máis complicado predicir o seu comportamento e poder identificar as zonas en perigo”, explican nas redes sociais do concello.

Incendio Quiroga 19 agosto 2025 / Facebook Concello de Quiroga

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 34 técnicos, 113 axentes, 154 brigadas, 110 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 11 avións. Cóntase con efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Mentres concellos limítrofes como Ribas de Sil ou Folgoso do Courel mantéñense en alerta, pero sen lumes nos termos municipais. Informan tamén de que a calidade do aire é boa, mellorando nesta mañá.

ÚLTIMAS

Festa de outono do comercio asociado de Chantada

O Centro Comercial Aberto Ribeira Sacra de Chantada organiza unha festa infantil para celebrar...

“O que hai que ver!”, a vindeira obra de teatro no Multiusos de Monforte

O teatro volve este xoves 23 de outubro ao Edificio Multiusos de Monforte dentro...

Tomé asegura que manterá conxeladas as taxas, agás auga e saneamento que subirá un 3%

Este luns, 27, de outubro, lévase ao pleno do Concello de Monforte a proposta...

Lemos Le celebra o Día das Bibliotecas co lema: “Contra a desinformación, bibliotecas”

Unha das datas máis importantes para o colectivo, é o 24 de outubro, Día...