Castro Caldelas comeza a conta atrás para a súa esperada celebración das ‘Festas dos Remedios’. Como previa, o día 6 de setembro a partir das 12:00 h. da noite vívese o ritual coñecido como “A Noite das Bandeiras”. Os mozos e mozas colocan polas rúas da vila uns 16 quilómetros de bandeiriñas de papel de seda feitas nos días anteriores de forma artesanal. A tarefa realízase nun gran ambiente e en compañía da música de charanga e gaiteiros.
Ao remate, a altas horas da madrugada, os participantes que aguantan degustan empanada, Bica Manteigada, licor café e viño da Ribeira Sacra.
PROGRAMA DE FESTAS 2025
O domingo 7 de setembro ás 12:00 h. haberá un pasarrúas e concerto a cargo da Banda de Ramirás, Airiños de Caldelas e Os Trabazos. Tamén haberá unha ofrenda á Virxe dos Remedios e ás 20:00 h. unha misa presidida polo Bispo de Ourense. Pola tarde concerto da Banda de Ramirás e verbena coa orquestra Los Player’s. Xa pola madrugada, fogos de artificio.
Para os días 8 e 9, misa e procesión na honra da Virxe dos Remedios ás 12:30 h. e pasarrúas con diferentes formacións. O día 8 actúan Vilanova dos Infantes, Airiños de Caldelas e Os Trabazos; e o 9 a cargo da charanga Tattoo. Para amenizar as verbenas, o luns estará no escenario a orquestra Trebol, e o martes Metrópolis.
O día 10 de setembro, ademais da Misa polos Cofrades Defuntos ás 13:00 h. e pasarrúas coa charanga Tattoo, celébrase a XXVIII Feira Concurso de Gando Vacún no recinto do Toural. Haberá exposición e premios para as razas Rubia Galega, Caldelá e Vianesa. Ademais tamén se poderá vivir unha subasta de novelas, desfile de carros tradicionais e xogadas de bois polas rúas da vila.


O IRRIO, PRESENTE NAS PROCESIÓNS
O “IRRIO PELIQUEIRO” de Castro Caldelas é unha emblemática figura que acompaña as procesións na honra á Virxe dos Remedios neste mes de setembro durante as festas (sae o día 7 dirixindo a banda e despois cada día na procesión). Este personaxe só se pode ver en vivo neste momento do ano e a tradición pode remontarse á Idade Media, xa que hai evidencias de que o seu traxe pagábase en maravedíes, moeda usada durante os séculos XII e XIII.
A persoa que o encarna oculta a súa identidade cunha barbada máscara de madeira e vestido cun frac, no que resaltan os grandes botóns. Vai provisto dunha tamén dunha vara coa que persigue e golpea á xente, o cal está entre os seus curiosos dereitos. É moi respectado e dispón, incluso con carácter oficial, dos seus propios foros, dados en Castro Caldelas aos sete días do mes de setembro de 1951, polo rexedor da vila.
Sobre a súa orixe e significado hai un abano de opinións. Uns pensan que representa a nobreza, outros veno como un defensor da xente do común, e incluso hai quen afirma que pode simbolizar ao Demo.
Vicente Risco dicía que a súa orixe era totémica, relacionada coas mascaradas prehistóricas arraigadas na cultura popular, e que ao non poder ser destruídas pola Igrexa, integrounas. Pensaba tamén que podía ser un cobrador de impostos ou un defensor do pobo.
