O programa diríxese especialmente ás persoas maiores de 55 anos co obxectivo de favorecer o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida dos adultos maiores, promovendo o seu benestar psicosocial e o encontro interxeracional, evitando situacións de soidade non desexada e dinamizando as parroquias.
Tal e como subliñou o rexedor, esta nova edición destaca polo aumento do número de actividades e prazas. As actividades, que son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte e están subvencionadas ao 100% polo Concello.
Segundo os datos do padrón municipal de agosto de 2025 o índice de poboación de persoas de máis de 55 anos no Concello de Monforte é do 43,80% respecto da poboación total. Cómpre salientar que 8.657 persoas veciñas superan este umbral, sendo o colectivo máis predominante de 55 a 79 anos.
“Polo tanto, é un programa especialmente dirixido a estas franxas de idade para promover o seu benestar psicosocial, fomentando a participación social, habilitando espazos de encontro interxeracional, evitando o illamento e as situacións de soidade, e dinamizando as nosas parroquias rurais” subliñou o Alcalde monfortino
Novidades do Programa Activa 2025-26
Unha das principais novidades do plan deste ano é a Ximnasia Acuática, que quedou interrompida polas obras de reforma integral das instalacións. José Tomé anunciou que esta actividade regresa ao calendario do Programa Activa, e detallou que, neste caso, “o inicio do curso está condicionado á apertura das piscinas”.
Ademais, e debido ao éxito acadado polo Obradoiro interxeracional “Av@s 3.0”, que foi unha das novidades da pasada edición, José Tomé anunciou que terá continuidade. “Trátase dun taller no que queremos que participen os avós e avoas cos seus netos e netas, e promover nel o intercambio interxeracional de coñecementos a través de espazos común de convivencia”. A previsión será celebrar este obradoiro en Nadal.
Outra das novidades que desenvolverá o Programa Activa nesta décima edición é o Taller de cociña orientada á nutrición e á alimentación saudable, dirixido a persoas maiores e impartido por especialistas nesta materia.
Actividades no Centro Cívico e nas Parroquias
Polo que respecta ao CENTRO CÍVICO, o Concello destina un total de 436 prazas, que son 57 máis que na edición anterior, distribuídas en 26 grupos, 5 máis que en 2024.
As actividades a desenvolver no Centro cívico agrúpanse en dous bloques segundo a idade dos participantes:
- Dirixidas a persoas maiores de 55 anos, que teñen como obxectivo principal promover o envellecemento activo das persoas maiores.
- Dirixidas a persoas maiores de 16 anos, que teñen como obxectivo principal posibilitar espazos de encontro interxeracional.
A oferta de actividades neste Centro Cívico é a seguinte:
- Ximnasia de mantemento para maiores
- Ximnasia Acuática
- Taichi
- Ioga
- Conservando a memoria
- Competencias dixitais para uso cotián con 3 niveis: iniciación, intermedio e avanzado.
- Informática básica
- Cerámica
- Manualidades
- Costura básica
- Costura creativa
- Baile Caribeño, con 2 niveis: iniciación e perfeccionamento.
- Bailes de Salón
Nas PARROQUIAS, o número de prazas ofertadas a través dos seus locais sociais é de 216, están dirixidas ás persoas veciñas de cada parroquia, e inclúense as actividades máis demandadas por aquelas, que son:
- Conservando a memoria
- Cerámica
- Manualidades
- Costura creativa
- Costura básica
- Ximnasia de mantemento
- Bailes de Salón
- Bailes Latinos
Reservarase 1 praza para persoas con discapacidade en cada unha das actividades e no caso de que estas persoas necesiten axuda durante o desenvolvemento da actividade poderán ir acompañadas doutra persoa.
As persoas interesadas en participar nas actividades do Centro Cívico deberán presentar a súa solicitude, segundo o modelo normalizado, no Rexistro Municipal do Concello, na Secretaría de Servizos Sociais ou a través da Sede Electrónica municipal (sede.monfortelemos.es). No caso das actividades das parroquias, poderán solicitalas os representantes das parroquias, pedáneos ou asociacións, podendo facelo no Centro Cívico dentro do prazo establecido, e a actividade realizarase no local social correspondente.