Conta atrás para a celebración das Festas do Carme, as patronais da localidade de Sober. Festexos que destacan este ano, en palabras do seu alcalde Luis Guitián, pola “ampla e variada oferta de actividades e actuacións pensadas para compracer a todos os públicos”.
O venres 19, primeiro día de celebración, terá lugar o II Torneo de Catán ás 20:00 horas. E xa pola noite, ás 22:00 horas, chegará a Sober o espectáculo ‘Historia da Verbena’ da Oca Band e que contará coa presenza do actor e humorista Pepo Suevos.
PROGRAMA PARA A FIN DE SEMANA
O sábado 20 de setembro actuará o grupo tradicional Érbedo –Xuventudes Musicais de Sober– antes da misa solemne das 13:00 horas. Pola tarde, ás 19:30 horas, desenvolverase “O Gran reto dos Bolechas”, unha actividade pensada para a cativada; e chegada a noite, ás 21:30 horas haberá un concerto do grupo Los Coleguitas e ás 23:00 horas Roi Casal ofrecerá un concerto na Praza do Concello.
O domingo 21 o protagonismo pola mañá será para a Banda de Música de Sober. A formación acompañará á procesión e despois, ás 14:00 h., ofrecerá un concerto-vermú. A misa, cantada polo Coro Berea, será ás 13:00 h.
Pola tarde, chegará un interesante evento deportivo. Ás 17:00 horas xogarase o partido de fútbol Trofeo Festas do Carme entre o Sober e o Palas. Na verbena, programada ás 21:00 horas, a encargada de pechar a fin de semana por todo o alto será a Orquestra Olympus.

‘GRAN PAELLADA’ PARA POÑERLLE O RAMO ÁS FESTAS
O luns día 22, e como remate das Festas do Carme 2025, haberá misa na Igrexa Nova ás 12:30 horas. E pola tarde, unha das citas máis esperadas, o encontro gastronómico coa ‘paella xigante’ que cociñará en vivo o mestre cociñeiro José Arias a partir das 20:30 h. Haberá racións de balde para todos os asistentes e contará co acompañamento musical do dúo Eclipse.


