As Xornadas comezan este xoves, 23 de outubro, cunha exhibición gastronómica e degustación a cargo do cociñeiro Marcos López. Será na Gastrotasca da Rúa Rosalía de Castro, 24, e é necesario inscribirse previamente no teléfono 671 473 982, xa que o aforo é de 25 persoas. O prezo desta actividade é de 5 euros para socios, e 10 euros para os non socios, con opción de maridaxe por 5 euros máis.
As Xornadas continúan o venres 24 coa charla titulada “Fungos medicinais: tradición e saberes populares en Galicia” e impartida por María Cabaleiro, doutora en Bioloxía e Especialista en Etnomicoloxía (Mycogalicia Plantae) pola Universidade de Vigo. Terá lugar no Centro do Viño da Ribeira Sacra e, neste caso, non será necesaria a inscrición. A participación é gratuíta.
O sábado, 25 de outubro, celebrarase unha saída ao monte para a identificación de cogomelos, seguida dun xantar no Restaurante Abadía San Simón, cun menú especial baseado en cogomelos de tempada. O punto de encontro para a saída é ás 10.00 horas nas Casitas da Compañía. O xantar será ás 14.30h e para comer é preciso inscribirse no 671 473 982. O prezo do xantar é de 25 euros para socios e 35 para os non socios.
Durante as xornadas, contarase cunha exposición de cogomelos onde os membros da asociación clasificarán e exhibirán as especies colleitadas, mostrando a diversidade fúnxica da rexión.
Labor divulgativO
Ademais destas actividades abertas ao público, como cada ano, a Asociación Micolóxica Lactouros levará a cabo tamén accións de divulgación en colexios e IES de Monforte. Estas xornadas incluirán unha pequena introdución ao mundo micolóxico e unha saída ao monte guiada polo experto e membro da directiva, Carlos Pérez.
Tal e como explican desde a Asociación, o obxectivo é que os máis cativos entendan o monte como unha fonte de saúde, coñecemento e benestar, e aprendan a valorar e respectar estes saberes tradicionais.
O colectivo Lactouros agradece ao Concello de Monforte o seu apoio, que fai posible desenvolver esta actividade fundamental para transmitir ás novas xeracións o amor pola natureza e a cultura micolóxica.