O Concello de Monforte vén de presentar un novo proxecto para a cidade. Trátase dunha gran fonte que pretende ser un atractivo visual e turístico, no coñecido ‘Parque dos Condes’ entre a rúa Cardeal e o Cadrado. A súa instalación, segundo o alcalde, “complementará a urbanización da Zona D” –actualmente en obras– e “estará integrada na trama urbana e paisaxística no conxunto da Compañía e o entorno do Cardeal”.
A actuación ten un orzamento de 677.018,89 euros e financiarase a través dun convenio xa asinado entre o Concello de Monforte e a Deputación de Lugo. Este investimento, remarcou o Alcalde, “dá idea de que vai ser unha fonte espectacular, sobre todo de noite, coa iluminación”.
A licitación do proxecto publicouse este mércores e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de novembro. Cumprido este prazo, as mesas de contratación reuniranse os días 26 de novembro e 3 de decembro, ambas ás 9.00 horas. Unha vez superada a fase de adxudicación e asinado o contrato, o prazo de execución será de 6 meses, polo que a fonte estará rematada antes de agosto de 2026, para podela desfrutar durante o verán.

RESTO DE TRABALLOS DE MELLORA NO PARQUE DOS CONDES
Aínda que a actuación mais importante será a instalación da fonte, arredor dela haberá un paseo de 5 m de ancho ao que se accede directamente dende o Cardeal e tamén dende o resto do Parque por catro accesos. Tanto estes catro accesos como o paseo circundante serán de pedra granítica de 12 cm de grosor, mentres que o paseo da zona máis próxima ao cadrado será de formigón pulido de color xabre.
Polo que respecta ás zonas verdes, reformaranse os parterres e serán transplantados ou substituídos un arce, un liquidámbar e dúas cerdeiras reubicadas dentro do propio Parque ou substituídos por outras árbores da mesma especie con cepellón. Polo que respecta aos acebos, serán transplantados noutras parcelas municipais.
Procederase tamén á mellora da iluminación da zona adaptándoa á nova distribución para o que se colocarán novas farolas similares ás existentes na actualidade. Así mesmo, e co obxectivo de poder gozar da nova fonte tanto de día como de noite iluminada, colocaranse o dobre de bancos dos que hai agora para que a xente estea o mais cómoda posible.
EFICIENCIA ENERXÉTICA, SOSTIBILIDADE E EFECTOS
O Alcalde, José Tomé, quixo remarcar que o deseño escollido “prioriza a eficiencia enerxética e a sostenibilidade, utilizando tecnoloxías que optimizan o consumo de auga e de electricidade, xa que a pretensión do proxecto é revitalizar a zona con responsabilidade ambiental e desenvolvemento urbano sostible”. A auga, engadiu, “será reutilizable e só se repoñerá a que se evapore ou derive polo vento que, en todo caso, será moi pouco consumo”.
No que respecta ao lúdico e á estética terá diferentes modos de programación adaptables a horarios de baixa e alta afluencia e shows especiais para momentos puntuais. Deste xeito, contará con 5 efectos de auga distintos: surtidores verticais dinámicos, efectos parabólicos creando arcos elegantes, surtidores coroa con múltiples puntos de saída de auga e dous tipos de surtidor con movementos variables de altura e anchura.

