O Concello de Monforte inicia esta semana unha campaña informativa entre a cidadanía de Monforte para a mellora da xestión dos residuos orgánicos e da compostaxe. O Concello de Monforte xa implantou hai máis dun ano nas rúas do municipio o colector marrón, que ten como uso exclusivo a recollida de restos de orgánica. “Xa son un total de 1.995 familias as que participan de forma activa na campaña do colector marrón, pero non é suficiente, por iso queremos facer un chamamento á cidadanía para que máis veciños e veciñas se sumen ó voluntariado marrón”, indica o rexedor, José Tomé.
Con este obxectivo ponse en marcha unha nova campaña con diferentes accións formativas a pé de rúa e nos centros educativos do municipio para sensibilizar e concienciar sobre a importancia dunha boa xestión da materia orgánica.
A campaña comeza o vindeiro mércores, 5 de novembro, cunha acción a pé de rúa no Cardenal, na que se instalará unha carpa informativa aberta en horario de 10.30 a 13.30 horas. Todas as persoas interesadas en coñecer máis de preto o funcionamento do colector marrón e queiran darse de alta na campaña, poderán facelo ‘in situ’. Así mesmo, e no caso de non poder asistir a esta acción, a veciñanza que desexe sumarse ao voluntariado marrón pode rexistrarse chamando ao teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou a través da solicitude online FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE TI TES A CHAVE CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS. Haberá máis accións informativas a pé de rúa nas vindeiras semanas e meses, xa que este é un proxecto que ven para quedarse.
150 composteiros de balde
O Concello de Monforte de Lemos puxo tamén en marcha a campaña de “compostaxe doméstica” hai máis dun ano. En total son 253 persoas as que contan cun composteiro individual na súa vivenda destinado á separación e reciclaxe dos restos de orgánica producidos a diario.
Aqueles que residan nunha vivenda illada e que conten cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m2 poden solicitar o composteiro, ben chamando ao teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou ben directamente a través do FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE COMPOSTEIRO INDIVIDUAL CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS.
Para participar neste programa e poder optar á recepción dun composteiro, os solicitantes terán que estar censados en Monforte de Lemos e que a leira ou terreo no que vaian instalar este composteiro, se sitúe no termo municipal de Monforte de Lemos, coas dimensións de polo menos 25 m2 de superficie.
Os usuarios e usuarias teñen que comprometerse a utilizar adecuadamente este composteiro. Xa que ademais, unha vez entregados e postos en marcha, levaranse a cabo visitas de seguimento dos mesmos, para certificar o seu correcto uso así como solucionar dúbidas que poidan xurdir.

