Homesociedade"A caída da folla" desestacionaliza o turismo na Ribeira Sacra

“A caída da folla” desestacionaliza o turismo na Ribeira Sacra

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra pecha o programa da Caída da Folla 2025 cunha ocupación practicamente do 100% en todas as actividades. Nesta edición, 140 persoas puideron desfrutar das propostas organizadas, procedentes de toda a xeografía galega e tamén do centro da península, especialmente de Madrid.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O programa levouse a cabo nas fins de semana entre o 11 de outubro e o 9 de novembro, incluíndo 10 actividades que amosaron a variedade de experiencias que ofrece o outono en Ribeira Sacra, dende a recollida de cogomelos, astroturismo, paseos en BTT, actividades de mindfulness, obradoiros, minaría aurífera, visitas nocturnas ata mesmo un curso de orientación en montaña.

Como é habitual, a proposta máis demandada, e que nunca falta neste programa, foi a recollida de cogomelos, que pronto esgotou prazas, acumulando unha longa lista de agarda. No resto de actividades, as prazas tamén se completaron con rapidez, espertando moito interese as relacionadas coa minería aurífera ou algunhas novidades desta edición, como o astroturismo e a visita nocturna con cata maridada a un dos mosteiros máis descoñecidos.

“Un ano máis, iniciativas como A Caída da Folla contribúen á desestacionalización do turismo e a amosar que Ribeira Sacra é un destino durante todo o ano, con actividades vencelladas á natureza, ao patrimonio, ao benestar e aos produtos de tempada”, aseguran desde o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. Engaden, “Este tipo de programas axudan a atraer a un turismo de proximidade, permitindo no só descentralizar a demanda, senón que tamén son un apoio para o tecido empresarial local e e contribúen a dar visibilidade a recursos menos coñecidos do territorio”. 

O mes de outubro presentou tamén un comportamento moi positivo en termos de ocupación na Ribeira Sacra, cunha media de 5.191 prazas diarias ocupadas (49,75% de ocupación).

Desagregado por categoría, a ocupación foi a seguinte:

  • Hoteis 4 e 3 estrelas: 76,5%
  • Turismo rural: 42,1 %
  • Vivendas turísticas e de uso turístico: 17,9%
  • Resto aloxamentos (hoteis 2 e 1 estrelas, pensións, albergues, apartamentos, camping): 62,5%

Cos datos recollidos ata o de agora, a ocupación supera en 5 puntos a acadada no 2024, o que se traduce en preto de 1.000 prazas diarias máis ocupadas. Tamén é lixeiramente superior ás previsións que o sector tiña a finais de setembro (+408 prazas diarias).

A media de ocupación durante as fins de semana situouse nun 71%, unha das máis altas dos últimos anos, superando o 90% na maioría de hoteis de 4 e 3 estrelas e acadando unha media do 85% na categoría de “outros aloxamentos”:

As previsións para novembro mantéñense nesta mesma liña, cun 52 % das prazas xa reservadas nas fins de semana e un 29,5% para todo o mes (3.077 prazas diarias ocupadas). Novamente, son os hoteis de maior categoría os que rexistran a maior porcentaxe de reservas: un 53%

ÚLTIMAS

Roberto Castro: “A xente vén pola cereixa e quédase e repite porque lles gusta tamén a zona da praia fluvial”

A festa terá lugar na praia fluvial de San Clodio e contará coa participación...

Os premios literarios Xosé de Arxeriz entregaranse o 12 de xuño

O I Certame Literario Xosé de Arxeriz, dirixido ao alumnado do último ciclo de...

Chantada divulga os seus recursos turísticos en Festur ata o 7 de xuño

Ata o 7 de xuño, Silleda é unha vez máis o punto de encontro...

20 alumnos fórmanse no obradoiro de emprego Os Soutos II que comparten Láncara, Paradela e Samos

A Xunta destina 454.500 euros a financiar o obradoiro dual de emprego Os Soutos...