O Concello de Sarria, coa intención de reducir a fenda dixital de acceso ás novas tecnoloxías da información e a comunicación dos seus veciños e veciñas, poñerá a andar a partir de febreiro dúas formacións na Aula CeMIT.
Un obradoiro de Iniciación á Informática e a Internet, dirixido a persoas sen coñecementos que queiran familiarizarse coa ofimática e achegarse ás posibilidades da Rede. Este curso terá un horario de 11:00 a 12:45 h. e realizarase os martes e xoves desde o 2 de febreiro ata o 28 de marzo.
Un curso de procesador de textos LibreOffice Writer dirixido a persoas sen coñecementos ou con coñecementos básicos destas ferramentas. O curso comeza o 4 de febreiro e remata o 28 de febreiro; farase os luns, xoves e venres de 17:00 a 18:45 h.
As usuarias e usuarios da rede CeMIT interesadas/os poden apuntarse nalgún destes cursos a partir das 11:00 h. da mañá na aula CeMIT do Concello de Sarria ou a través da páxina web da Rede CeMIT (cemit.xunta.gal).
Ademais do anterior, hai unha nova convocatoria do curso de teleformación titorizado de preparación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). As persoas interesadas poden inscribirse antes do 29 de xaneiro e buscar máis información na páxina web da rede CeMIT ( cemit.xunta.gal).
A aula ten un horario de uso libre dos equipos en horario de mañá os luns, mércores e venres de 10:30 a 13:30 horas e os martes e xoves de 12:45 a 13:30 h. En horario de tarde todos os días de 16:00 a 17:00 h. Para inscribirse ou para solicitar máis información, poden dirixirse á Aula CeMIT de Sarria, sita na planta baixa da Casa da Cultura (Rúa Marqués de Ugena, s/n).