A pasada semana o IES A Pinguela participou nunhas xornadas de intercambio co alumnado de 3º ESO dos institutos de Ensino Secundario Leopoldo Queipo de Melilla e Valle del Segura de Blanca (Murcia). “Foron uns días de confraternidade e convivencia que desfrutamos alumnos e profesores. Todos os visitantes coñeceron o noso centro e o seu Planetario Matías Vázquez, a zona monumental de Monforte de Lemos, a adega Regina Viarum en Doade (Sober) e o Museo do Ferrocarril de Galicia”, comentan dende a dirección.

Con ese alumnado tamén se coñeceron outros lugares de Galicia como o Castro de San Cibrao de Lás e a cidade de Ourense, o embalse de Belesar (centrales hidroeléctricas Belesar I e Belesar II) e Santiago. Ademais do anterior, houbo ocasión de realizar actividades do proxecto de diversidade mediambiental.


“En Lugo visitamos a Deputación Provincial, onde nos recibiu o seu presidente, José Tomé, visitamos a Casa dos Mosaicos, unha das moitas testemuñas do pasado romano da cidade, e paseamos pola súa bimilenaria muralla”, comentan os anfitrións do IES A Pinguela.
Os visitantes remataron a semana visitando Pontevedra e o Grove para coñecer a ría de Arousa e degustar a súa riqueza marisqueira percorrendo en catamarán a ruta dos mexillóns no entorno das bateas.
“Foi unha semana intensa en aprendizaxe e convivencia. A próxima será xa en
2026, onde nos atoparemos todos de novo na fermosa comunidade de Murcia”, di finalmente Enrique Sampil, director do centro de ensino anfitrión.

