O alcalde, Manuel Lorenzo Varela xunto ao concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez e as concelleiras de Turismo, Pamela Fernández e Servizos Sociais, María Cándida Carnero, estiveron presentes no acendido. Despois dunha conta atrás seguida con gran expectación, a cativada xa estreou o Poboado visitando a Casa de Papá Noel e coñecendo os detalles que cada ano visten a vila de Nadal.
O Poboado de Nadal é un dos elementos máis característicos do Nadal en Chantada. Instalado na Praza do Mercado e da Paz, nel atopamos animais domésticos e salvaxes, burros, pitas, coellos, ourizos cachos, cervos,… No corredor central cóntase, como novidade, cunha rotonda cun cervo iluminado. Ademáis da recreación da vila de Chantada coa igrexa e as casiñas antigas iluminadas, cóntase coas casas dos gnomos e a Casa de Papá Noel onde nenos e nenas poden ter un encontro coen el, o Tren do Nadal ou as barcas de feira.
O Poboado de Nadal de Chantada medra ano a ano e ten a peculiaridade de que está feito con madeiras reutilizadas e materiais reciclados, promovendo unha decoración sostible para recrear aspectos da tradición de Chantada e das súas xentes.
Ademais o Concello de Chantada segue aumentando a decoración e iluminación de rúas e prazas para levar o espírito do Nadal e dinamizar comercio e hostalería. A Praza de Galicia volve acoller unha grande árbore de Nadal e preparouse un espazo para o photocall característico para lembrar estas Festas. Como novidade, este ano, diante do Auditorio Municipal cóntase ata o día 5 de xaneiro cun Carrusel no que se pode viaxar por un prezo de 2€ (3 viaxes a 5€).

Alumeado Nadal Chantada 2025 inauguración / Concello de Chantada
çNa entrada da rúa Comercio unha bola xigante iluminada substitúe ao regalo xigante do pasado Nadal e na Praza de Santa Ana cóntase cos Reis Magos e un candil xigante con bonecos de Nadal para facer recoller lembranzas do Nadal en Chantada.
Este ano ilumínase unha zona nova no Parque da Alameda, colocouse alumeado nas varandas da ponte que cruza cara o muíño e nos plataneiros. Aquí atópanse tamén as casiñas iluminadas e as bolas de Nadal que representan ás 36 parroquias e barrios da vila. Tamén este Nadal conta con iluminación a Praza Luis García Arias. Nas entradas da vila ilumínanse as letras de Chantada e colócanse dous cervos iluminados nas isletas centrais.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, agradece o traballo de organización destas Festas e convida á participación veciñal nas distintas actividades, “as áreas de Cultura e Parques e Xardíns desenvolven cada ano un gran traballo para que poidamos desfrutar destas Festas co mellor ambiente e en compaña da familia. Esperamos que nos visite moita xente, está todo preparado para sentirse como na casa”.
Despois da inauguración da decoración e do alumeado, a primeira cita da programación de Nadal en Chantada será o venres, 19 de decembro, con sesión de contacontos na Biblioteca Pública Municipal. Ás 18:00h os/as nenos/as de 1 a 4 anos coñecerán, Leo e o Nadal.

Alumeado Nadal Chantada 2025 inauguración / Concello de Chantada

