Segundo a formación política o proceso de candidatura a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra foi “moi opaco dende o principio, a pesares de que un elemento esencial para a obtención desta distinción é a participación social”. Tamén consideran opacos os gastos da Xunta e do concellos na promoción da candidatura, “aos gastos da Xunta únense achegas municipais en conceptos de propaganda ou actuacións que, presentadas como promoción turística, apenas redundan na calidade ou cantidade do turismo da zona”.
O mellor exemplo son as certificacións de Calidade Turística, onde se cobra polo uso do “selo de calidade” máis pola certificación e auditoría dos mesmos. “Só para manter esta distinción os Concellos gastan centos de euros en conceptos de uso da marca Q de calidade e na certificacación por parte de empresas. En 2025, os gastos para manter a Q de calidade da rede de miradoiros do Concello de Sober eleváronse a 2.396,53 €. No caso de Chantada ascenden a 2.669,99 euros, repartidos entre 552,49 euros polos dereitos de uso da marca, 907,50 euros en auditoría do selo Q e 1210 euros do selo S”, explican.
Aseguran que actuacións de asociacións privadas ou empresas son apoiadas con fondos municipais, como os 495 € do bus da Asociación de Periodistas Gallegos en Madrid para visitar a zona ou o bus da Xunta Directiva do Celta (350,90 €).
“Estamos a falar de uso de fondos públicos de distintas partidas, como a promoción turística, que realmente só son propaganda do proceso de candidatura a Patrimonio Mundial, sen que a cidadanía poida fiscalizar en conxunto os cartos públicos empregados”, afirma Paula Verao de Agroma Sober. A Xunta e os Concellos están “apostando todo á carta do Patrimonio Mundial que, aínda que se acadase, non solucionaría os múltiplos problemas estruturais das comarcas da Ribeira Sacra”.
Pola súa banda, Antom Fente, voceiro de Por Chantada lembra que “O despoboamento ou a falta de ordenación do territorio, que redunda na pésima prevención de incendios seguen aí, namentres os nosos alcaldes se adican a construír fontes mastodónticas en Monforte, pagar excursións en bus en Sober ou derreter en Chantada máis de 1.8 millós de euros en facturas reparadas sen observar a Lei de contratos do Sector Público no que levamos de 2025”. Mentres asegura que a cidadanía foi convidada de pedra e non tivo voz nin voto na candidatura a Patrimonio Mundial “nunha xestión da mesma que lembra máis ás antigas colonias que a un estado democrático do século XXI”.

