Este Mercado de Nadal, organizado polo Concello de Quiroga coa colaboración da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel, contaba co financiamento principal do Centrad (Centro de Artesanía e Deseño) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que achega 6.476€. A finalidade do mercado, como explica o rexedor local, José Luis Rivera, é dinamizar economicamente o comercio local, “algo que se conseguiu posto que o feito de sacar os produtos á rúa fai que a xente se achegue e merque máis”.
Durante dous días foron moitas as persoas que se achegaron por este mercado. Ademais de todos os postos nos que se puido mercar roupa, produtos típicos da zona, bixutería, libros, xoguetes, alimentación etc., tamén estaban colaboradores da Asociación Española contra o cancro, con diferentes adornos de Nadal realizados a man para recadar fondos para esta entidade.
Contouse coa visita do Apalpador, chegado das montañas do Courel acompañado do seu burro para animar á veciñanza, pero sobre todo, aos máis cativos que tamén contaron con dous obradoiros: decoración de pintura en impresión 3D para Nadal e elaboración de grilandas.
Como complemento, e co obxecto de visualizar tamén a artesanía, contouse cunha demostración de torneado de madeira a cargo de Artesanía Armaior, un proxecto emprendedor que elabora sobre todo utensilios de cociña en madeira de oliveira. Sorteouse tamén unha Cesta de Nadal, obsequio da asociación de comerciantes local. A charanga tradicional Pándega o domingo facía unha pequena alborada que remataba na carpa da feira para animar a comerciantes e clientes.
Os comerciantes locais, representados por Verónica Núñez (Caurelor), destacaron a afluencia de público, amosaron a súa satisfacción coas ventas acadadas e quedaron con ganas de repetir. Esto último tamén o apuntou o Concelleiro de Servizos Sociais e Participación Cidadá, Xosé Manuel Fernández, que en nome do Equipo de Goberno, remarcou que o evento está funcionando, polo que entenden que debe ter continuidade.

Mercado de Nadal Quiroga 2025 / Concello de Quiroga

