Ás 10:00h será a benvida e presentación da Xornada coa intervención da alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega Núñez; a presidenta de Empresarias Galicia, Susana Pérez Iglesias e a vicepresidenta de Ribeira Sacra Next, Marisol Borrajo Lorenzo.
Na mesa de debate da Xornada exporán a súa experiencia como mulleres emprendedoras desde e para o rural:
- Sandra Viñas Diz, CEO de Mare Monte con sede en Sanxenxo, destinada ao cultivo ecolóxico de cogomelos, fábrica de conservas e patés. A empresa recibía este verán o Premio BBVA aos Mellores Produtores Sostibles.
- Olalla Cuiña Gómez, presidenta do Consello de Administración do grupo empresarial da familia Cuiña, con sede en Lalín. O grupo con firmas como Inasus SL, Metaldeza e Eliper Group SL, ocupa a máis de 300 traballadores.
- Elisa Fernández Ferreiro, educadora e consultora financieira. Desde San Xoán de Río acompaña a persoas e Pemes que queren ter máis claridade e tranquilidade no seu futuro financieiro.
- Lucía López Sobrado, de Gandaría Puluán en Monforte de Lemos. Lucía formouse en veterinaria para aportar máis valor á empresa familiar, que desde fai 3 anos tamén transforma en queixo a produción das máis de 140 vacas da explotación.
- Raquel Estévez Rodríguez, auxiliar de enfermaría que no 2018 poñía a andar en Monforte de Lemos o centro de día Vida, con 40 prazas para a atención a persoas maiores e con discapacidade.
- Pilar Díaz Vázquez, xerente de Casa dos Muros. Unha casa de turismo rural que comezou a funcionar en Pantón no 2000 e que reinventa a oferta turística con xogos de escapismo.
A xornada pretende ser un espazo para dar acollida e representatividade ás voces das mulleres emprendedoras e empresarias en Galicia e, en particular na Ribeira Sacra; incorporando experiencias e perspectivas lideradas por mulleres noutros territorios. A iniciativa para establecer redes de contacto e crear sinerxias de colaboración do talento feminino, completarase cun café networking, pechando a xornada ás 13:00h.

