IniciosociedadeCon Venezuela "quero ver a luz ao final do túnel", Michelín Rodríguez,...

Con Venezuela “quero ver a luz ao final do túnel”, Michelín Rodríguez, artista venezolano

Pintor e artista urbano, o venezolano Michelín Rodríguez, expón unha selección do seu traballo da colección, Tranxita, en Creativa - Centro de Enseñanzas Artísticas de Monforte de Lemos.

Publicado o

- Advertisement -

Michelín Rodríguez, artista venezolano do eido da pintura, a arte urbana e o deseño gráfico leva case unha década afincado en Monforte. Nesta tempada expón unha selección do seu traballo da colección Tranxita en Creativa – Centro de Enseñanzas Artísticas de Monforte de Lemos. Falamos con el do seu traballo e da súa vida en Monforte, mentres miramos cara Venezuela.

Que podemos atopar na exposición que tes en Creativa?

Unha selección de pezas da última colección, Tranxita,  que estivo no centro Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense. Unha ducia de pezas, nas que traballo sobre todo coa técnica do “stencil” (estampar algo coa axuda dunha plantilla). Todas as obras son resultado da miña necesidade por plasmar as miñas reflexións máis personais, as experiencias en entornos alleos a min, pero sempre centrados na arte urbana e no stencil.

A exposición xurde porque son profesor de deseño gráfico en Creativa. O director ten inquedanzas no mundo artístico e xa se fixeron outras exposicións e ten pensado facer máis con artistas de toda Galicia. Falámolo e aquí está.

Para poder vivir do que fas, que necesitas?

Vender cadros, eso é fundamental, e traballar moito, ensinar moito o meu traballo.Para vivir da pintura, ao público ten que lle gustar o que fas e que merque as pezas.

Ademais fago deseño gráfico, que non é tan persoal e íntimo como a arte e teño Melaza, a marca de roupa. Vou vivindo de combinar todo o que fago.

Sagrado Corazón / Michelín Rodríguez

As pezas está á venda, polo tanto?

Claro, xa se adxudicaron 3 cadros. Os prezos van dos cento e pico euros aos 600, dependendo da peza, da complexidade,…

A xente que merca as túas obras que che di, que os anima a mercar?

Os motivos son moi variados, hai xente que me ten mercado pezas cunha intención decorativa, porque lle queda moi bonito no salón da súa casa; hai coleccionistas de arte que queren ter algunha peza miña,  desde un punto de vista de investimento artístico; xente que simplemente lle encanta e non sabe porque, hai persoas que lles lembra cousas dalgún momento da súa vida. Os motivos son infinitos, desde unha cuestión decorativa a unha cuestión emotiva, porque o espectador conecta nalgún aspecto coa obra,… ata por un motivo inversionista.

A quen merca arte non se lle ocorre regatear, ou si?

Sorprenderíate, atópaste con situacións moi surrealistas,… Alguén me dixo un día “Como sei que o fixeches ti?.  Eso como anécdota, pero si, non é habitual, pero hai quen quere regatear.

Falabas de Melaza, como irrumpe a moda no teu mundo?

É un proxecto desde que teño uso de razón, pero non dera o paso. En canto se deron as circunstancias montei Melaza coa miña parella, con Ana. É roupa inspirada no Caribe e non ten nada que ver co meu traballo como pintor e como artista urbano. É un concepto máis baseado no deseño e na nosa identidade caribeña, que queremos compartir co resto do mundo. Estamos medrando pouco a pouco. Contamos coa colaboración de artistas da música, o departe urbano, chefs,… xente que viste as nosas prendas.

Polo momento vendemos a través de internet, aínda que temos as nosas pezas, fisicamente, en tendas de Barcelona, de Medellín, proximamente de Madrid, a semana que vén en Ourense e pronto tamén en Monforte.

Free as a bomb / Michelín Rodríguez

Canto tempo levas fóra de Venezuela e por que Monforte?

Cheguei no ano 2001 a Sober para estudar na Escola de Hostalería de Rosende e porque meus avós son de Sober. Despois de rematar en Rosende estiven traballando como cociñeiro, cousa que non abandono porque me apasiona. O meu periplo de cociñeiro levoume a todas as provincias galegas, Santiago, Ourense, Ribadavia, Laias, O Grove,… Estando en Santiago decidín coa miña parella, con Ana, virnos a vivir a Monforte, ademais meu avó estaba enfermo e fíxose imperativo. Ao final debo de levar en Monforte 9 ou 10 anos.

E como te trata a vida en Monforte, que che parece a vida na cidade do Cabe?

Do bo e do menos bo que ten Monforte, sempre me pesou máis o positivo. Gústame a calidade de vida, o ritmo de vida, a comida, aquí cómese dunha maneira impresionante e iso para min é moi importante. Aquí teño o meu taller, aquí pinto, aquí teño o estudo de deseño gráfico e aquí montaremos o taller de roupa para comezar a producir a marca.

Síntome a gusto, aínda que hai cousas que me afectan como unha sociedade sumamente envellecida,… pero síntome moi honrado de que aquí me fagan sentir un máis. Non che podo dicir como na casa porque sería mentira, porque para os emigrantes o noso corazón sempre está no noso fogar. Pero aquí atopei outro fogar con Monforte e a súa comunidade.

Michelín Rodríguez traballando

Por que deixaches Venezuela?

Primeiro, por unha inquedanza miña de coñecer mundo, de ir máis aló,… pero sempre coa intención de volver, cousa que nestes momentos, lamentablemente, non é unha realidade posible para min.

Despois por todo o que foi acontecendo politicamente, que se vía vir, xa estaba ocurrindo daquela. Cando foi o intento de golpe de estado todo se empezaba a complicar, pero no meu caso concreto, a situación política influía, pero non era o principal motivo para saír de Venezuela. Tratábase de coñecer outras culturas, outros mundos,… despois todo se foi “torcendo” e aquí quedei, para ben.

Como viviches todo o que foi pasando en Venezuela neste tempo e o que está pasando agora mesmo?

A situación de todos estes anos vivina con moita angustia, con empatía cara meus irmáns venezolanos, con moita cercanía e moita dor, moita preocupación,… Sería ofensivo para os que están alí dicir que o vivo en primeira persoa, pero foron anos moi duros. Ultimamente engado a todo iso a esperanza e a ilusión polos últimos acontementos.

Hai luz ao final do túnel?

Quero vela, non significa que a vexa. Pero, por primeira vez, en moitos anos de loita contra o rexime usurpador de Nicolás Maduro, teño a sensación de que se están facendo as cousas correctas da maneira correcta. Quere ser prudente e ver como se desenvolven os acontecementos. Teño ganas de ver a luz ao final do túnel, cousa que nestes anos me faltou moito. Vivín todo esto con pesar e con pesimismo. Nesta ocasión creo que non vai a ser unha derrota amarga e frustante como foi outras veces. Esta vez acompáñanos a razón e a legalidade. De momento estou en standby, pero optimista.

Queda pendente, para outra ocasión, falar con Michelin Rodríguez da súa faceta de artista urbano que deixa, por exemplo, en Monforte, pequenas xoias esparexidas pola cidade.

Arte urbana / Michelín Rodríguez

ÚLTIMAS

210.000€ para a mellora de tres estradas provinciais en Chantada e no Saviñao

No caso de Chantada, a Xunta de Goberno acordou licitar a mellor de dúas...

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...