Os Campus, que se desenvolverán en marzo, son de balde para os participantes. Poden inscribirse a través da web www.deputacionlugo.gal ata cubrir as prazas ofertadas. As clases formativas impartiranse no Centro de Interpretación, situado no Paseo do Río Rato:
Campus de maduración empresarial: (15 prazas) Está dirixido a todas as persoas cunha idea de negocio. Será un curso intensivo de catro días, que combinará sesións teóricas con visitas a empresas o 14 de marzo e titorías individuais, unha vez rematadas as sesións. En canto á parte teórica, traballarase a maduración da idea empresarial de cada un dos participantes, analizando, por exemplo, a súa viabilidade comercial, técnica e legal a través da metodoloxía Canvas, o enfoque medioambiental con exemplos prácticos ou a viabilidade económico-financeira a 5 anos.
Campus de motivación empresarial:(15 prazas) Especialmente dirixido ao profesorado de centros educativos localizados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, que imparta materias relacionadas co mundo da empresa, tales como Economía, Empresa e iniciativa emprendedora ou Formación e Orientación Laboral. En función das prazas libres, tamén poderá participar o persoal docente do resto da provincia, interesados en estimular o espírito emprendedor a partir das competencias chave da materia que imparta. As sesións intensivas terán lugar os días 20, 21 e 22 de marzo, en horario de tarde, de 16:30 horas a 20:00 horas.
As cinco anteriores edicións do Campus de Emprendemento Sostible supuxeron, polo de agora, un total de 26 novas empresas na provincia. Entre elas, na zona sur, atópase de momento, unha Explotación Extensiva de Gando Vacún no concello de Sarria.