O obxectivo desta iniciativa formativa celebrada en Quiroga, na que participaron expertos galegos e portugueses, era afondar na elaboración deste produto na nosa comunidade, poñendo o foco nos aspectos técnicos do traballo en almazara, no control dos procesos e na profesionalización do sector como base para o seu desenvolvemento sostible no rural galego.
Así, nun contexto atlántico con características propias, a calidade do aceite de oliva virxe extra (AOVE) depende en gran medida dun manexo axeitado da almazara, do coñecemento técnico-científico e da capacidade para avaliar e mellorar o produto final. Ao longo da xornada abórdanse estes aspectos desde unha perspectiva práctica, científica e estratéxica, combinando experiencias profesionais contrastadas, coñecemento académico e análise sectorial.
Ademais, integrouse a cata de aceites como ferramenta técnica aplicada á elaboración, mentres que a proposta gastronómica final permite poñer en valor o AOVE galego como produto de calidade diferenciada e con potencial económico.
A Conselleira apostou por aproveitar este tipo de riquezas, “seguiremos impulsando no próximo período da PAC 2028-2034, con axudas máis específicas para os cultivos emerxentes, caso da oliveira. Producións para recuperar territorio no rural”.
Neste 2026 vaise iniciar, precisamente, a produción de planta de oliveiras certificadas de variedades autóctonas no Centro de experimentación agraria do Baixo Miño, situado en Salceda de Caselas, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas e tamén para continuar estudándoas.


