A Asociación Cultural Entroido de Budián (Acedre-Pantón) impulsa un ano máis a celebración deste evento ancestral recuperado dende hai uns anos. Xunto a ela formará parte da organización a Asociación Veciñal San Brais de San Román de Acedre.
O vindeiro domingo 15 de febreiro ás 10:30 h dende o Campo de Budián farase o tradicional paseo do Entroido salientando as súas figuras dos Brancos e os Farranquís. Haberá música tradicional a cargo do grupo tradicional ‘A Cadela Asasina’, viño e petiscos; “percorreremos tódalas aldeas da parroquia dende O Cotillón ata Abelaira e pasando por Acedre e San Román”, comentan dende a organización.

Ao rematar o rito haberá xantar popular para todas aquelas persoas que queiran compartir mesa coa veciñanza. Ten un prezo de 10 euros e cómpre inscribirse enviando un correo entroidodebudian@gmail.com ou chamando ao teléfono 662 669 223).
Colaboran apoiando este evento o Concello de Pantón e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O Entroido de Budián estivo xa estivo o pasado día 1 de febreiro na Xuntanza do Entroido Ribeirao. Participou no desfile polas rúas de Chantada e despois estivo en Santiago d’ Arriba. Ademais, despois da súa celebración o 15 deste mes, formará parte no desfile de entroido que organiza o Concello de Pantón polas rúas do Castro de Ferreira o vindeiro día 21 pola tarde.


