Carmen Quintanilla é unha figura imprescindible para entender a evolución dos dereitos das mulleres rurais en España e Europa. Un recoñecemento a máis de 40 anos de entrega. Con este premio, a organización recoñece a traxectoria dunha muller que, fai máis de catro décadas, tivo a visión e a valentía de fundar a primeira organización de mulleres rurais no ámbito europeo (AFAMMER- Asociación de Familias e Mujeres do Medio Rural).
Carmen Quintanilla non só foi unha pioneira; foi a voz de millóns de mulleres que vivían no silencio do esquecemento institucional, levando as súas reivindicacións desde os pequenos pobos ata as máis altas esferas internacionais. “Carmen é o espello no que nos miramos todas. O seu agarimo pola terra e a súa promoción incansable da igualdade real, pavimentaron o camiño para as xeracións que hoxe lideran o rural”, destaca o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez.
A homenaxe a Carmen Quintanilla será o broche de ouro dunha gala onde tamén se recoñecerá o talento actual. A organización lembra que a votación popular para as seis categorías dos Premios Muller Rural 2026 xa está aberta. A través da web https://congresodelamujerrural.es/premios-muller-rural-2026/, o público pode apoiar ás candidatas en áreas como emprendemento, sector primario, ciencia ou comunicación. É unha oportunidade única para que a sociedade civil poña en valor o traballo de quen está combatendo o despoboamento con proxectos innovadores.
Desde a organziación convidan a profesionais, emprendedoras, veciños e veciñas a inscribirse e asistir ás xornadas dos días 21 e 22 de febreiro. Será unha fin de semana de aprendizaxe, redes de apoio e celebración da identidade rural nunha contorna privilexiada.


