HomeCulturaO CEIP de Quiroga homenaxea o Entroido Choqueiro e o Touro de...

O CEIP de Quiroga homenaxea o Entroido Choqueiro e o Touro de Bendilló

No Concello de Quiroga había un entroido peculiar, hoxe xa perdido, con figuras singulares nos núcleos da Enciñeira, Bendilló, O Castelo e os Novaes. O Colexio de Quiroga homenaxea esta tradición coa celebración do “Entroido Choqueiro” coa figura do touro e o toureiro de Bendilló.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Nestes días o alumnado do centro tivo unhas charlas a cargo do historiador, Ramón Vila, director dos museos de Quiroga, nas que repasou información que el mesmo recolleu a través de conversas cos veciños destes lugares e de artigos de prensa antigos.

En Bendilló, celebraban o domingo fareleiro no que mozos e mozas enzoufábanse de farelo ou borrallo. O martes de Entroido, era o día grande, no que saía a figura do touro e o toureiro. O disfrace de touro que sostiña un só mozo, estaba feito cun armazón de madeira recuberto por unha tea de cores, da que sobresaían os afiados e feros cornos do animal, que perseguía a todas as persoas que se atopaba no seu recorrido polas rúas do núcleo. Saía tamén a “pampórniga”, un disfrace de xigante cunha altura que chegaba ata os aleiros dos tellados. Esta información recolleuse no artigo publicado en febreiro do ano 2007 na páxina de Cultura do xornal A Nosa Terra, asinado por Xosé Pérez Mondelo.

A figura do touro tamén saía na parroquia da Enciñeira. Nesta parroquia ademais, o xoves de compadres e comadres elaborábanse as “llardeiras”, bonecos de tela e palla montado sobre un soporte de madeira coa cabeza de nabo ou de pataca. O martes de entroido, xornada grande da festa da Enciñeira, era o día no que polas rúas e camiños desta parroquia saía o touro acompañado pola figura do “piqueiro” para perseguir á xente.

Touro de Bendilló / Concello de Quiroga

Nas aldeas dos Novaes e o Castelo tiñan un personaxe propio, “O Meco”. Os veciños dos Novaes realizaban unha figura artellada con palla, do tamaño dunha persoa, que se facía uns días antes e que se penduraba dun gran pau onde permanecería ata o martes de Entroido, se conseguían que os veciños doutra aldea non o roubasen. Ese día, os veciños dos Novaes levaban o Meco subido nun burro adobiado con mimosas ata o Castelo onde o queimarían, se conseguían sortear aos veciños deste último núcleo que tiñan a misión de impedirllo.

Durante esta festa en todos estes núcleos case todos os veciños aparecían cos disfraces máis orixinais que eran quen de confeccionar. E iso tamén tentaron recuperar dende o CEIP de Quiroga esta semana. Dende o luns ata o xoves, tanto mestres como alumnado, puxeron unha peza de roupa do que atoparon polas súas casas.

Como remate do “Entroido Choqueiro”, o venres, 13 de febreiro, con apertura do centro para as familias, celebrarán un baile e unha foliada como homenaxe ás figuras do entroido de Bendilló.

ÚLTIMAS

CSIF alerta da situación da presa de Vilasouto, no Incio

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), vén de denunciar a "alarmante situación...

2,5M€ para mellorar as estradas da provincia

En Sober adxudicouse á empresa Fevisa Vías y Obras SL a mellora de sete...

Celebración do ‘Xoves de Comadres’ en Monforte

Nun día de tregua no que a choiva se refire, as rúas do centro...

Micro Aberto á cultura este 14 de febreiro na cafetería Mon de Monforte

A iniciativa nace dun grupo heteroxéneo de persoas residentes no rural da zona, no...