O tradicional Enterro da Sardiña puxo este mércores pola tarde o peche ao Entroido 2026 en Monforte. A procesión estivo encabezada polo Alcalde, José Tomé Roca, acompañado da Tenente Alcalde, Gloria Prada, os Concelleiros e Concelleiras de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; Cultura, Marina Doutón; Depoortes, José Manuel Mougán; Consumo, Regina López, e Muller e Igualdade, Margarita López, ademais doutros membros da Corporación Municipal.
Na Praza do Concello, a comitiva do santo enterro da sardiña foi recibida polo equipo de goberno, e tivo lugar a lectura de coplas e rogativas. Unha vez rematado o acto, a procesión continuou ata a Ponte Medieval, lugar desde o que foi lanzada a sardiña ao río. Con este rito, o Concello de Monforte de Lemos pon o punto e final á programación do Entroido 2026, un dos máis exitosos e participativos dos últimos anos.
O alcalde, José Tomé Roca amosou a súa satisfacción polo gran éxito do Desfile de Comparsas e Disfraces celebrado o Martes de Entroido, con representación das catro provincias galegas e as rúas ateigadas de público: “O xurado tívoo moi difícil na concesión dos 21.000 euros en premios que repartiu o Concello, porque todos os participantes inscritos, que foron arredor de 1.300, amosaron moi bos traballos e, sobre todo, moi boa actitude. E eso é un orgullo, porque o Entroido é unha celebración para desfrutar na rúa, para rir e para compartir a alegría con todos os veciños”.
Así mesmo, o rexedor agradeceu a implicación y a participación de todos os monfortinos e monfortinas que se inscribiron para concursar tanto no Martes de Entroido, como no Xoves de Comadres e Compadres, e tamén a aqueles que se disfrazaron pola súa conta, “que foron moitos, e que contribuíron tamén ao éxito do Entroido en Monforte”.

Enterro da Sardiña 2026 / Concello de Monforte

