As actuacións executadas consistiron na substitución do firme do percorrido peonil e do carril bici que bordea a zona oeste do parque, incluindo a ampliación de anchura ata os 2 metros en todo o seu percorrido. Cambiouse o pavimento granular por formigón de 20 cm, máis acorde cun percorrido deste tipo e máis seguro para os ciclistas e cómodo para o tráfico peonil.
Nas zonas verdes, procedeuse á substitución dos arbustos existentes, mesmo dalgunhas árbores de pequeno porte que dificultaban o seu mantemento e conservación en condicións adecuadas de limpeza, por unhas zonas de céspede con instalación de rego automático, fáciles de manter e conservar en condicións axeitadas. Nestas zonas incorporouse terra vexetal para alcanzar unha cota e darlle unhas caídas adecuadas que faciliten o mantemento posterior.
Na zona central , onde existen árbores e mobiliario urbano nunha cota baixa, recheouse con xabre estendido e compactado. Para levar a cabo estas actuacións, procedeuse ao levantado e recolocación do mobiliario urbano existente, así como dos aparatos biosaudables, bancos e mesas de pedra.
Creáronse novos paseos peonís pavimentados con formigón fratasado e novo mobiliario urbano: bancos de fundición, papeleiras de aceiro e fontes con grifos pulsadores e reixas sumideiro. Tamén se mellorou a iluminación da zona con luminarias LED e pintado de marcas viarias, continuas e discontinuas, e de símbolos no percorrido peonil e no carril bici.

