A autora vive na Coruña, pero ten moi presente a Quiroga, terra natal de seus pais, e a onde regresa sempre que pode. A Ermida foi o lugar que escolleu Antía para a presentación do cartel xa que a súa nai é natural deste núcleo. O deseño do cartel para a XIV Feira do Viño de Quiroga nace da vontade de fundir territorio e identidade, convertendo o concello no verdadeiro protagonista da composición. A proposta parte da idade de que Quiroga non só produce viño, senón que é viño.
Segundo explicou a propia autora, o mapa do municipio convértese no lenzo orgánico sobre o que, mediante a técnica da acuarela, representase a riqueza natural do val. As tonalidades verdes e terras evocan paisaxe, fertilidade e a tradición agrícola, mentres que os acios de uva, integrados de maneira harmónica na silueta do territorio, simbolizan a conexión directa entre a xeografía e o produto estrela da feira.
A decisión de nomear todas as parroquias do concello responde a un sentimento de irmandade e pertenza. Cada nome inscrito no cartel é un recoñecemento á diversidade que conforma Quiroga: parroquias con personalidade propia que, malia as súas particularidades, forman parte dunha mesma identidade común.
Como acios dunha mesma vide, todas compoñen a esencia do municipio. “Este cartel pretende ser, en definitiva, unha representación emocional do que somos: terra, viño e comunidade”, destacan desde o equipo de goberno. O cartel gañador recibe 300€ e un diploma acreditativo e anunciará todo o relacionado coa XLIV Feira do Viño de Quiroga.


