O proxecto hidráulico do concello de Láncara ascende a 1 millón de euros para dotar dunha potabilizadora ás parroquias de Toirán, Trasliste, Vilaleo, Vilarello, Neira de Cabaleiros, San Xoán de Muro e Bande, que na actualidade non contan con abastecemento municipal.
Darío Piñeiro explica a resposta da Xunta, “A súa resposta foi que van a estudar detalladamente a proposta e valorar a posibilidade de colaborar. Dende o Concello agardamos que o goberno galego cumpra cos lancareses e financie esta infraestrutura que beneficiará a máis de 1.800 veciños”.
O Alcalde socialista acadou o compromiso de Augas de Galicia para mellorar as traídas de auga das parroquias de Piñeiroa e Vilasteve. Son actuacións por valor de 60.000 euros.
Avanza o proxecto da senda peonil
Finalizou o proceso de información pública e agora técnicos da Consellería de Infraestruturas supervisan o proxecto para poder sacalo a licitación, segundo informou o delegado territorial da Xunta ao voceiro popular en Láncara, Santiago Cubillas.
O proxecto, que ascende a 600.000 euros, inclúe a mellora do firme da actual estrada (LU-621), a construción dunha glorieta en substitución do cruce existente e a execución dunha senda de nova creación, de medio quilómetro de lonxitude, dirixida ao tráfico peonil e ciclista. Ademais está proxectada a ampliación da actual ponte fluvial para acoller esta nova vía.
O novo itinerario peonil e ciclista arrancará do punto no que rematan as beirarrúas da Pobra de San Xiao, terá dous metros de anchura e estará construída con formigón ata o encontro coa ponte. Para darlle continuidade, construirase unha pasarela sobre o río ampliando a plataforma do viaduto con lousa de formigón.
O proxecto inclúe tamén a mellora do trazado da actual estradae obras de mellora da iluminación da senda, reforzo da sinalización horizontal e vertical, colocación de pasamáns e proteccións peonís, entre outras.
Reforma integral CPI Ramón Piñeiro
Por outra banda, no encontro, tamén se confirmou que a Xunta ten rematado o proxecto técnico para a remodelación integral e mellora de eficiencia enerxética do CPI Ramón Piñeiro. A Xunta reserva un investimento superioraos 676.000 euros, para esta obra que se executará durante o verán. Nestes días teñen lugar as mesas de contratación que determinarán a empresa encargada dos traballos.