HomesociedadeXornada didáctica sobre destilación en Adegas Moure

Xornada didáctica sobre destilación en Adegas Moure

Estivo organizada polo Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galicia contando coa participación da súa presidenta, Sonia Otero, e do xerente de Adegas Moure, Evaristo Rodríguez.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A destilación está arraigada na tradición galega mais foron quedando atrás aquelas ambulantes que facían polas aldeas os antigos ‘Poteiros’. A profesionalización do sector fixo que este traballo quede na man das adegas, as destilerías galegas e o Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Na actualidade hai un total de 12 empresas en Galicia inscritas no Consello Regulador como destiladoras, das cales tres están na provincia de Lugo. Adegas Moure, no Concello do Saviñao, é unha delas ademais de cofundadora deste Consello Regulador e que forma parte da historia viva dos augardentes e licores tradicionais de Galicia. A través do sistema de destilación de arrastre de vapor –coñecido tamén como sistema portugués– elaboran catro dos cinco destilados amparados por este selo europeo de calidade: Bagazo de Galicia, Bagazo de Galicia Envellecido, Licor de Herbas de Galicia e Licor de Café de Galicia.

Este mércores, 8 de abril, a presidenta do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Sonia Otero, e o xerente de Adegas Moure e presidente do Consello entre 2008 e 2012, Evaristo Rodríguez, participaron precisamente nas instalacións de Adegas Moure nunha xornada didáctica sobre a destilación devandita, a que se fai a través do sistema de arrastre de vapor. Evaristo Rodríguez explica sobre este sistema de destilación que “conta cunha caldeira que xera vapor e inxéctao desde a zona inferior ás columnas onde está o augardente. A diferenza do alambique, é un sistema de lume indirecto xa que a calor se aplica a través do vapor de auga, non directamente a través do lume”.

Pola súa banda, Sonia Otero explica que, entre as vantaxes que ofrece este procedemento de elaboración “é que facilita o traballo de enchido e baleirado, esixe unha menor carga física, reduce o número de horas de traballo, é máis rápido e non hai diferenza de calidade no produto final”.

Durante a xornada didáctica destilouse augardente plurivarietal con variedades autóctonas galegas como Sousón, Caíño, Mencía, Albariño, Teixadura e Godello.

A DESTILACIÓN

A destilación é unha arte que require de coñecementos e experiencia porque para a elaboración dos Augardentes e Licores Tradicionais refúganse as cabezas, o principio da destilación que ten maior gradación alcohólica, e tamén as colas, que teñen pouca gradación. Só se aproveita o que se chama “o corazón”. Unha separación de cabezas, corazón e colas que se realiza para mellorar a calidade do produto final. Pinga a pinga obtense un produto dunha máxima calidade que cada ano consegue recoñecemento nos máis prestixiosos concursos internacionais. Ademais, Evaristo Rodríguez engade ás vantaxes da destilación de arrastre de vapor que “é un sistema de produción máis regular e sistemático, pois permíteche controlar todo ese proceso de separación de cabezas e colas. O alambique depende máis de quen o manexe, mentres que o arrastre de vapor permite un maior control sobre o produto”.

CONSELLO REGULADOR DE AUGARDENTES E LICORES DE GALICIA

Este organismo é o único órgano certificador de destilados de derivados vinícolas existente en España e cun ámbito de influencia en todo o territorio galego. De feito, Galicia é a única comunidade autónoma do estado que conta cunha IXP de augardentes e licores tradicionais. Na actualidade, este organismo integra a ao redor de 150 empresas rexistradas nos seus diferentes rexistros (produtores, destiladores, elaboradores e envasadores, e comercializadores). Son preto dun centenar as marcas que se atopan no mercado e que levan a contraetiqueta do Consello Regulador, que é a única que ofrece todas as garantías de que o destilado é 100% galego e que cumpre cuns esixentes controis de calidade.

O Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia certificou un total de 503.529 botellas destes destilados en 2025, que se repartiron en 213.250 botellas de Licor Café de Galicia, produto estrela; 173.880 de Licor de Herbas de Galicia; 92.365 de Bagazo de Galicia; 23.574 de Augardente de Herbas de Galicia, e 460 de Bagazo de Galicia Envellecido.

Para dar visibilidade a estes destilados galegos este Consello Regulador desenvolveu unha campaña promocional durante 2024 e principios de 2025 para fomentar o consumo destes destilados Premium, que si poden demostrar que son 100% galegos, baixo o lema “Para os que non tragan con todo”. O obxectivo é sensibilizar ao público no consumo consciente de destilados de calidade con ADN galego.

ÚLTIMAS

OPINIÓN: Xenofobia ou fraude fiscal?

A polémica (parece que para algúns é o único obxectivo en política) xurdiu unha...

Quiroga será o primeiro municipio da provincia en contar cun mapa sociolingüístico escolar municipal

Henrique Monteagudo, José Luis Rivera Castro e Valentín García rubricaron o documento nun acto...

Imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

O Concello de Monforte de Lemos celebrou este luns pola tarde o Pleno extraordinario...

D.O. Ribeira Sacra: baixada de existencias e repunte de vendas

Nun comunicado de prensa, o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra informa dun escenario...