Homesociedade"É un orgullo que pensaran en min como pregoeira", Mónica Fernández, sumiller

“É un orgullo que pensaran en min como pregoeira”, Mónica Fernández, sumiller

Esta quiroguesa leva traballando dende hai máis de 20 anos no prestixioso Grupo Bambú desempeñando as funcións de Directora de Sala e Sumiller dos restaurantes que ten en España. Este domingo, 3 de maio, será a encargada de facer o pregón da XXXIII Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Falamos con Mónica Fernández aproveitando que está a pasar uns días en familia na súa aldea do Concello de Quiroga. Aínda que vive e traballa en Madrid, recoñece que escapa moito por estas terras e xa lle tarda o día de poder volver para fixar aquí a súa residencia habitual.

Dende o 2005 está unida laboralmente ao Grupo Bambú, marca que conta con oito restaurantes en España (4 en Madrid, Marbella, Barcelona e Bilbao) e algúns tamén fóra do estado nunha decidida aposta pola internacionalización. Cóntanos que é directora de sala e sumiller de todos os restaurantes nacionais e entre as súas funcións están a formación e supervisión de equipos de sala dos locais e o deseño de cartas de viños.

Preguntámoslle se atende traballos pola súa conta como sumiller e dinos que “estou moi ocupada na empresa e só colaboro moi puntualmente fóra por amizade ou se me insisten moito nalgunha ocasión para ir como convidada”. No que respecta a aceptar a proposta que lle chegou dende A Pobra do Brollón afirma que “puxéronse en contacto comigo e aceptei por amizade e por proximidade, tendo en conta que non o considero como traballo e tamén que me cadrou ben ao estar por aquí uns días”. Engade tamén que “ademais, é un honor e un orgullo que pensaran en min”.

O pregón está programado para o domingo 3 de maio ás 13:00 h. dende o palco do conxunto de adegas de Vilachá.

“é un honor e un orgullo que pensaran en min”

O SEU PRIMEIRO PREGÓN

Mónica Fernández dinos que será o seu primeiro pregón. Houbo unha ocasión en Quiroga, anos atrás, pero ao final non se poidera concretar, co cal estrearase nas terras Guímaras. “Estou supernerviosa e creo que é algo preciosísimo. Espero que lle guste á xente”, di. Sen desvelar nada, afirma ter xa escrito o que quere dicir e que fará “un pregón para o pobo, pois síntome parte del”.

Na conversa lembra estar en dúas ocasións na Feira do Viño de Vilachá e conta que o ambiente desta cita co viño é diferente. En palabras dela, “ten algo que a fai diferente, o que foi a Vilachá, volve. É menos impersonal e a xente superacolledora”.

Ambiente Feira do Viño de Vilachá (arquivo). Foto: Concello da Pobra do Brollón.

No que respecta á zona de Vilachá de Salvadur e os seus viños, di ser coñecedora e que probou algúns. Considera que son viños diferentes nos que nota o que lle aporta o solo e a zona: “A min gústame o viño e creo que en cada zona hai que buscar unha cousa diferente. E o padal hai que educalo, é bo darlle cousas diferentes”.

“ten algo que a fai diferente, o que foi a Vilachá, volve. É menos impersonal e a xente superacolledora”

MÁIS SOBRE MÓNICA FERNÁNDEZ

Mónica Fernández é unha salientable sumiller que formou parte do comité de cata da coñecida Guía de Viños Gourmets. Ao longo da súa carreira profesional obtivo importantes galardóns como: o Premio á Mellor Dirección de Sala 2018 pola Academia de Gastronomía da Comunidad de Madrid, o Prix au Sommelier (Premio ao Catador) outorgado pola Academia Internacional de Gastronomía en 2017, o Premio Nacional de Gastronomía 2016 ao Mellor Directora de Sala e o premio á “Excelencia Turística de Madrid” como mellor directora de sala do ano 2009, concedido pola Cámara de Comercio de Madrid.

En relación aos galardóns referidos, Mónica quere salientar que estes “débense ao traballo en equipo e ás moitas horas de dedicación por parte de todos os profesionais que forman ou formaron parte da empresa”.

ÚLTIMAS

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela será de libre acceso tamén para o público xeral

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela comezou xa a prestar servizo ás persoas...

A Deputación arranxará a LU-P-4707 que comunica Veneira con Roques na Pobra do Brollón

O representante do PSdeG, Adolfo Rubio, valora que a Deputación se reunise directamente coa...

Chantada mellora as canchas e automatiza o acceso ás Pistas de Tenis

O Concello de Chantada vén de acometer novas melloras nas Pistas de Tenis do...

Abertas as inscricións para o II Mercado de Nadal de Pantón

O Concello de Pantón volve apostar na súa programación de Nadal polo Mercado de...