Durante toda a xornada celebráronse charlas e actividades destinadas a ofrecer información práctica sobre a eclipse, cales son os mellores lugares para avistala, as indicacións para facelo de forma segura ou simulacros e prácticas de fotografía.
Na mesa redonda sobre as implicacións territoriais da eclipse, o astrofísico, Borja Tosar, comezou explicando as características do fenómeno que non se produce na Península desde 1912 e non volverá repetirse ata o 2180. A franxa de totalidade atravesará o territorio galego desde Estaca de Bares ata Valdeorras. 143 concellos galegos ocupan unha zona de observación privilexiada, abarcando a práctica totalidade da provincia de Lugo.
“Non hai experiencia máis espectacular, é o máis sobrecolledor que podes ver na túa vida. Xente de toda Europa, EEUU, Xapón,…as eclipses totais mobilizan a milleiros de persoas. Esperar que non estea nubrado. Profesionais e cazadores de eclipses optarán por Palencia que reúne as condicións de visibilidade e durabilidade máis elevadas”, entusiasmado refírese Tosar ao evento que comezará arredor das 19:31 horas e prolongarase ata as 21:23 horas, acadando o seu momento de máxima escuridade entre as 20:28 e as 20:30 horas.
A Xefa da área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia, Paloma Vázquez destacaba a responsabilidade do traballo previo de coordinación entre administracións e o sector para preparar esta celebración que coincide en plenas vacacións de agosto, “non podemos anticipar, pero esperamos moitos desprazamentos que nunca se viron, temos a eclipse do 2024 en EEUU como exemplo de loxística. Hai que xerar coñecemento sobre o que pode pasar. Ter previstos nos concellos puntos de observación accesibles e seguros, e esperar todos posibles aglomeracións e facer previsións para a desescalada”.

Mesa redonda implicacións territoriais da eclipse / Concello de Chantada
A eclipse en Chantada remata coas Perseidas
No caso de Chantada, Borja Tosar insistiu en que a condición de Starlight do Municipio non é determinante para a visión da eclipse que precisa de horizontes e ceos despexados, pero si ofrece a posibilidade despois do fenómeno de gozar da posta de sol e das Perseidas, podendo facer unha desescalada gradual, “O ceo é un recurso como a gastronomía, a paisaxe, o patrimonio, pero non estamos acostumados ao que temos. Chantada ofrece un espazo privilexiado e facilmente accesible para a observación do ceo nocturno. Despois da eclipse poder seguir desfrutando aquí do ceo é un privilexio”.
Desde o sector turístico, Jacobo Lorenzo Gay, do Hotel Mogay de Chantada referiuse a que a eclipse será unha oportunidade para analizar o comportamento da demanda, “nas semanas previas coa información meteorolóxica máis próxima poderemos saber mellor que esperar. Será un reto para a labor de coordinación das administracións e unha oportunidade moi boa para sensibilizar sobre a observación astronómica, que se pode facer noutras épocas e momentos. É unha oportunidade para que quen veu, regrese a gozar cos outros recursos que temos”.

Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, lembrou que semanas antes da eclipse se coñecerá se a Ribeira Sacra é Patrimonio da Humanidade, o que pode intensificar o efecto chamada cara este territorio, “A eclipse é unha oportunidade moi boa, pero hai que ser cautelosos, estamos ante un fenómeno complexo e inédito do que imos aprender moito. Os establecementos deben intentar repartir á xente polo territorio, os miradoiros non son os mellores lugares desde os que mirar a eclipse. Importante que a xente planifique as visitas a todos os recursos porque vai haber moita máis xente da normal e temos que poder anticiparnos para planificar mellor os servizos. A isto engadirase moita xente de última hora”.
Na mesa redonda coincidiuse en que a eclipse é unha boa oportunidade para que se fale de Galicia e sexa un reclamo para as zonas do interior, “oxalá teñamos ceos despexados e non haxa incendios”. Apelouse á responsabilidade propia para conseguir que todo saia ben e a experiencia poida ser un elemento dinamizador para asentar poboación, “un punto de inflexión para promocionar máis todo o local promovendo todos os recursos”.
A xornada que remataría pola tarde cunha actividade práctica de observación e fotografía da eclipse; era presentada pola mañá coa participación do delegado territorial, Javier Arias e o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela que destacaron a provincia como un dos mellores lugares para avistar este fenómeno excepcional. O rexedor lembrou que a eclipse en Chantada pode rematar coas Perseidas e Arias lembrou as xornadas promocionais que terán continuidade o 10 de maio no Destino Starlight dos Ancares.

Galicia porda de entrada da eclipse, presentación xornadas / Concello de Chantada
A este respecto, a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, celebrou esta semana en Sarria unha xunta de seguridade cos concellos do sur da provincia para avanzar na planificación do dispositivo que se activará con motivo do eclipse. Na xuntanza participaron representantes municipais das comarcas da Ulloa, Chantada, Sarria e Terra de Lemos, áreas nas que se prevé unha importante afluencia de visitantes.

